- Biografía
- Audios
- Videos
Serafina “a Mujica” traballaba as leiras, coidaba ovellas, cabras e vacas e foi coñecida por ser peixeira en Pontevedra e arredores. Ela, que nacera en 1888 en Lugo e non fora nunca á escola, facías as contas das vendas cunha axilidade e precisión envexable.
Cargaba unha patela de peixe sobre un burro, outra na cabeza e desde a lonxa de Marín facía o camiño cara a Lérez, chegando mesmo até Verducido, ás voces de “arre, burro”, “arre, burro, arre” e coa venda de cariocas, piardas, xoubas, xurelos…
Algunhas tardes lañaba as sardiñas que despois ofrecía por Amil, Santa Xusta e outras aldeas do concello de Moraña. Vendíaas por ducia e tanto cobraba en diñeiro como en especie: repolos, chourizos, ovos…
Cos seus escasos ingresos e os do seu home, mantiveron as catro fillas e algúns netos, así como a Luís, un mozo que collera no hospicio polo que recibía os alimentos do “racionamento”.
Cóntase que na súa casa estivo agochado un dos Gama perseguido tras o golpe de estado de 1936 e que a Garda Civil, que algo sospeitaba, maltratábana a ela e ao seu burro. Se cadra por iso, este ao ver as capas e os tricornes, fuxía coa carga para a casa.
Serafina faleceu en 1986.
Descargar