Rosa Malvar Sanmartín

Filla de Rosario Malvar Sanmartín, Rosa comezou vendendo rosquillas e licores nas feiras coa nai. De nova aprendeu a coser e andou de costureira polas casas, mais un día, aos 30 anos, no camiño de volta do traballo, caeulle ao chan a máquina de coser que levaba na cabeza e interpretou o feito como un aviso das ánimas para actuar de intermediaria. Desde ese momento exerceu como curandeira e adiviña.

Casou co canteiro Manuel Martínez Parceiro. A parella non tivo descendencia e na contorna profillou moitas crianzas ás que lles levaba o pan na Pascua, percorrendo a cabalo os lugares de Tourón, Almofrei, Contixe e A Reigosa. Muller xenerosa, axudaba á xente sen recursos.

A veciñanza acudía á súa casa na procura de información sobre familiares ausentes, enfermidades ou desgracias. Ela tiraba o mal de ollo das persoas e atendía as demandas empregando fórmulas máxicas, palabras secretas, oracións, salmos ou misas como medio curador.

Chegou a ter moita sona en toda a comarca. Os días de feira acudía no seu cabalo a Pontevedra, onde recibía a clientela nunha casa na zona da ponte do Burgo, até pouco antes do seu falecemento en 1943.

Depositaria do legado da súa nai, empregou tradicións e saberes curadores que forman parte da medicina popular.

Autora: Mª Xesús López Escudeiro

 

Biografías Relacionadas