- Biografía
- Audios (1)
- Videos
María Santomé, coñecida como Maruja, comezou a traballar desde moi nova, cando acompañaba súa nai a Carballedo para comprar as tetillas que despois vendían.
Non ben nacido o día, Maruja e súa nai atravesaban o monte para chegar ao seu destino. Co tempo, e debido a unha enfermidade de súa nai, foi Maruja quen colleu o relevo no oficio. Acompañada dun irmán, por aquilo de non ir soa e non pasar tanto medo, saían de noite, sobre as catro da madrugada. Naquel entón, Maruja tería sobre 14 anos e facía uns 20 quilómetros a Carballedo e outros 15 quilómetros máis a Valongo, a zona máis alta de Cotobade.
A viaxe de ida era algo máis doada pois, aproveitando que a burra que levaban ía sen carga, facían quendas para subir nela. Á volta, ao vir a burra cargada cos queixos, tiñan que facer todo o camiño a andar. Con todo, contar coa axuda da burra foi para elas un grande alivio. Antes de xuntar o necesario para comprala, o transporte dos queixos facíase cunha cesta que poñían enriba da cabeza. Naquela altura non había plásticos para lle poñer por baixo e, na súa ausencia, botaban serradura, que facía a función de absorber o soro que desprendían os queixos. A dificultade disto residía en que, ao pingar e ser absorbido o líquido pola serradura, a carga era maior, o que implicaba que o peso aumentaba e iso uníase ao cansazo da viaxe.
Xa de adulta, Maruja seguiu a vender os queixos en feiras e tamén na praza, en Pontevedra, onde tiña un posto herdado xa de súa nai. Nesta época xa non recollía os queixos a pé en Carballedo; coa chegada do automóbil abríronse novas posibilidades de negocio e Arzúa foi o destino escollido inicialmente para se facer coa mercadoría e despois Ordes. Compraron unhas pesas romanas para pesar os queixos, que se compraban e vendían por quilo, e mantivo o seu oficio até a xubilación. Decidiuse a retirarse cando a praza de abastos se instalou temporalmente no recinto por causa das obras realizadas no edificio. Aí xa o seu home estaba xubilado e tiña que levala e ila buscar. Facíaselle moito e decidiron que se xubilara. Ela, con todo, confesa xa tiña ganas.
Autoría: MAOS Innovación Social
Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.
Descargar