Josefa Barcia García

Josefa Barcia García naceu no barrio da Moureira, no Campo da Torre, un lugar que no tempo da súa infancia era moi diferente do actual. Tradicionalmente ligado á actividade pesqueira, foron moitas as mulleres da Moureira que traballaron en oficios relacionados co mar.

Josefa comezou a traballar desde ben nova. Súa nai era vendedora de peixe na praza de Abastos, aquela que antigamente se situaba ao lado da ponte do Burgo, e Josefa comezou axudándoa e con ela aprendeu os pormenores dun oficio que despois sería o seu. Nesta altura (tería Josefa uns 10 anos), para poder vender na praza había que pagar tanto polo posto como pola cantidade e tipo de produto que se vendía. Antes de entrar na praza pesaban o peixe e, en función do prezo de venda, pagábase o que lle chamaban arbitrios. Unha das misións de Josefa nesta época era conseguir introducir o peixe na praza evitando o control impositivo, para o que pedía axuda das compradoras, que amablemente contribuían sen levantar as sospeitas dos gardas.

Vender na praza o peixe non era tarefa sinxela. Había que conseguir a mercadoría e para iso se desprazaban a Marín, e co tempo tamén a Vigo, para conseguir o mellor produto. Tiña 17 anos nesa altura. Ían ela e súa nai no tren e desde alí trasladábanse andando até o porto para comprar o peixe e volver andando de volta á estación cargadas cunha cesta de peixe na cabeza. A carga de peixe na cabeza era unha constante, carrexando para a clientela, o que tivo consecuencias na súa saúde.

Xa de maior herdou o posto de súa nai. Despois de casada seguiu co mesmo e grazas ao apoio da familia conseguiu traballar e coidar dos fillos. Levantábase e marchaba ás seis da mañá a Vigo e ás 10:00 h. da mañá xa estaba a vender en Pontevedra. Pero nas horas previas tiñan que coller o carro no Berbés, cargalo, traelo á estación de Vigo, facturalo, e vir ata a estación de Pontevedra. Na estación de Pontevedra era un veciño (que lle chamaban señor José) quen lles carrexaba a mercadoría ata a praza nun carro de cabalos. E cando non podía ir ás seis da mañá, tiña que ir ás dúas do mediodía porque os barcos chegaban ás 5 da tarde. Daquela xa compartía o traballo cunha compañeira pero case sempre era Josefa quen ía mercar o peixe, porque era máis aquelada para a compra. Nestes casos ía á casa para lles deixar feito o xantar, collía o tren das dúas e marchaba a Vigo. Chegaba á casa sobre as 11 da noite. Na praza, á hora de vender, había que estar moitas horas de pé e con frío. Nos primeiros anos traballaba todos os días e lembra especialmente a época en que estaba embarazada, coa barriga apertada contra o mostrador e o frío a percorrerlle todo o corpo.

A ligazón da súa familia co mar deixoulle lembranzas e saberes irrepetibles, como encascar as redes, proceso que axudaba ao fortalecemento das redes que despois empregaban os mariñeiros. Pero no seu día a día había outras tarefas, como preparar as sardiñas ao fume ou lañar e salgar o peixe, o que lles permitía garantir a súa conservación para a venda ou para consumo na propia casa. Eran procesos laboriosos, de moitas horas, que se adentraban con frecuencia na madrugada, e moitas veces en condicións adversas. As bodegas das casas convertíanse en fábricas familiares destinadas á transformación do peixe fresco. A fisionomía do barrio era ben diferente: predominaban as casas baixas; no Campo da Torre, onde ela vive, medraba a herba vizosa e da praza de Touros colgaban os tendais de roupa das veciñas e veciños. A auga chegaba ás portas das casas e nas bodegas das casas gardábanse os aparellos do traballo.

Foron moitos os anos dedicados a vender o peixe. Desafortunadamente, tivo que retirarse do oficio pronto por causa dunha enfermidade, pero seguiu traballando no sector da alimentación, nun supermercado preto da súa casa onde botou dez anos máis.

Autoría: MAOS Innovación Social

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas