- Biografía
- Audios
- Videos
Avelina Solla Maquieira, coñecida popularmente por “Avelina a Rouca”, foi parteira. Naceu en Lérez no ano 1876. Nun tempo de escaseza, desempeñou diferentes ocupacións laborais propias da época e clase social, todas orientadas a contribuír á economía familiar. Así, ademais do traballo asociado ao mantemento da casa e de traballar no campo, andaba nas feiras de regateira tratando nas fabas, la e froita que vendía maiormente no Hospital Provincial.
Mais se por algo foi coñecida, foi por asistir centos de mulleres como parteira no momento do nacemento das crianzas. A súa habilidade e coñecemento sobre o corpo da muller e o proceso do parto foron adquiridos a través da práctica e a observación, e combinados cunha ampla serenidade e empatía, valéronlle sona como asistente no embarazo, parto e puerperio, tanto en Lérez como en Campañó, San Vicente de Cerponzóns e Santa María de Alba. Avelina colaborou en varias ocasións con médicos en partos difíciles e o seu labor chegou a ser recoñecido polo pediatra Manuel Fontoira Peón e Juan José Barbolla Abión, de medicina interna.
Ademais do seu bo facer, fica tamén na memoria a lembranza de que en ocasións non cobraba polos seus servizos e mesmo facilitaba ás embarazadas en situacións difíciles roupas para o bebé.
Descargar