Virxinia Pereira Renda

Virxinia Pereira Renda estaba predestinada a ter unha vida acomodada como filla dun deputado liberal estradense. Pero os plans para a súa vida van mudando tras a súa voda, en 1912, con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O médico rianxeiro axiña tivo que deixar a consulta polos seus problemas coa vista e opositou a unha praza de Estatística que os levou a vivir en Pontevedra durante dúas décadas, de 1916 a 1936. Alí viviu Virxinia unha das súas máis fondas penas coa morte en 1928 do seu fillo Alfonso, cando só tiña catorce anos. E alí produciuse o fondo compromiso do seu home coa causa galeguista que os levaría a viaxar a Madrid en xullo de 1936, el xa como deputado, para presentar o Estatuto plebiscitado polo pobo galego. Estaban en Madrid cando foi do golpe de Estado e Virxinia acompañou o seu home nunha xira internacional en favor da causa republicana que os levaría a Rusia, Cuba ou Estados Unidos. Estaban en USA cando a República perdeu a guerra e, convertidos en inmigrantes sen papeis, aínda tardarían un ano en poder iniciar unha nova vida no exilio arxentino.

Coa vitoria aliada na II Guerra Mundial, desmantelaron a súa vivenda en Bos Aires pensando que poderían regresar a unha Galiza libre do fascismo pero a estadía en París cun Castelao convertido en ministro republicano só deu paso a unha nova derrota, a do abandono das forzas democráticas, que os condenou ao exilio definitivo.

Castelao morreu pouco despois, en 1950, e tras ficar viúva, Virxinia deixou patente a súa vertente máis política converténdose nunha das voces máis belixerantes do exilio en favor da causa galeguista e da loita antifranquista, como demostra o seu epistolario. Ela foi, moito máis, que a muller de Castelao.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas