Teresa Nogueira, a Barriguda

A implicación política do seu fillo, Manuel Amoedo, xa lle custou un desgusto á veciña de Coto, Teresa Nogueira, durante a revolución do 34, cando foi condenado a dezaoito anos de prisión tras ser detido en posesión de dúas armas e dúas caixas de munición. Levárono ao penal de San Cristóbal, en Pamplona, xunto a outro republicano pontevedrés, Juan Manuel Gómez Corbacho, e ambos foron liberados e recibidos na cidade con banda de música tras o triunfo nas urnas da Fronte Popular en febreiro do 36.

Pouco duraría a liberdade. Tras o golpe de Estado, Manuel tivo que escapar e foi agochado polo pai da súa moza, Digna Blanco Novegil. Mais, tras unha delación, os gardas presentáronse en Xeve e ameazaron a Cándido Blanco con queimarlle a casa, raparlle as fillas e levarlle o neno pequeno se non lles amosaba o acubillo. Diante desta presión, Cándido levounos ata Manuel, que estaba metido nun pozo, e nese intre perdeu para sempre a súa filla, que marchou servir a Mondariz e nunca máis quixo saber del.

Manuel foi asasinado e o seu corpo nunca apareceu. A súa nai vestiu de negro e ata que morreu cargou co loito e co silencio. A súa neta di que falaba dos tempos de antes, do seu defunto home, co que ía vender ás feiras, mais nunca da dor da perda do fillo, nin da detención de Herminio Coto, o home da súa filla Pilar, que tamén foi represaliado por ser republicano.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Teresa Nogueira, a Barriguda.

Biografías Relacionadas