Sofía Kuper Hornstein

Scheiva Mendeleva Kuper, máis coñecida como Sofía Kuper Hornstein, estaba casada con Abraham Zbarsky. Orixinarios de Rusia, emigraran a Pontevedra cos seus fillos Elías, nacido en Odessa, e Jacobo, natural de Lodz; nesta última localidade ela e o seu home traballaran como dentistas ata 1920. Os seus irmáns Ita Lia e Simeón Kuper xa se estableceran en Galicia no ano 1914. Todos eles tiveran a oposición dos odontólogos nativos e das autoridades, contrarios a concederlles a habilitación para exercer. A Sofía, licenciada pola universidade de Novorossiysk, concedéranlle en 1923 autorización para exercer durante cinco anos, tiña clínica en Vigo e retirouse no ano 1928. Abraham consultaba en Pontevedra desde 1925.

Máis alá das dificultades para exercer a profesión, a vida de Sofía estivo marcada pola represión que a familia sufriu con posterioridade ao golpe militar de xullo de 1936. Ao seu fillo Jacobo Zbarsky Kuper, 22 anos, dentista e brigada de complemento, detéñeno por encabezar as milicias organizadas no goberno civil e encargadas da defensa da legalidade republicana. Na causa sumarísima que se lle instrúe acúsano de rebelión militar. O consello ten lugar o sete de agosto de 1936. O tribunal condena a Jacobo á pena de morte.

No polígono de tiro de artillería, en Figueirido, ás cinco e media da mañá do dez de agosto fórmase o piquete de artilleiros, compañeiros de cuartel do condenado,encargado de dar cumprimento á sentenza. O condenado negouse a recibir os auxilios espirituais.

En capela escribiría unha carta despedíndose dos seus:

Pontevedra, 9 de agosto de 1936.
Queridos míos: Querida madre, perdóname este último gran disgusto que te doy. Dentro de 3 horas moriré, tú bien sabes cuanto te quiero, sin embargo no he querido ver a ninguno de vosotros por última vez, porque si así lo hiciera no tendría el valor de afrontar mi suerte.
Mis últimos pensamientos serán en todos vosotros, sobre todo en ti, madre mía.
Estoy tranquilo, creo que esta tranquilidad me acompañará hasta el último momento.
Piensa, madre mía, que si pierdes un hijo, por ningún ideal más justo. Yo puedo sacrificar mi vida, te queda otro hijo y mucha más familia que harán todo lo posible por consolarte.
Os beso y abrazo a todos queridos, sobre todo a ti, madre.
Tu hijo, que siempre te ha querido y te querrá mientras viva.

[Caeiro, Antonio e outros. ( 1995). Aillados. Vigo: Ir Indo.]

O seu home, Abraham, membro do partido socialista, tamén estivo detido no lazareto de San Simón; quixeran procesalo por tenza de armas pero sobreseron a causa, aínda así quedou preso a disposición gobernativa. Na noite do 29 de decembro de 1936 “paseárono” e abandonaron o cadáver no cemiterio de San Amaro; a versión oficial do asasinato do “ruso” asinada polo comandante Velarde foi a seguinte:

Al ser conducido en la noche de ayer por fuerza del puesto de esta Capital el preso Abrahan Zbarsky Celler (sic), según orden al efecto, desde el Lazareto de San Simón a la cárcel de esta Capital, al llegar al punto conocido por “La Fracha” y debido a una avería que tuvo el coche que lo conducía hubo necesidad de parar para repararla, en cuyo momento el conducido aprovechando la oscuridad de la noche intentó fugarse, no consiguiéndolo por que (sic) a los primeros disparos de la fuerza fué gravemente herido falleciendo a los pocos momentos, siendo transportado su cadáver al depósito del cementerio de esta Localidad.
Tengo la distinción de participarlo a V. para su debido conocimiento.
Dios guarde a V. muchos años. Pontevedra 30 de Diciembre 1.936
El primer Jefe accdtal, Joaquín Velarde Velarde.

Ao outro fillo, Elías, e ao irmán de Sofía, Simeón, ambos dentistas, instrúeselles tamén unha causa militar; a inconsistencia das acusacións de espionaxe era tan evidente que o xurídico militar propuxo e a autoridade aceptou, o sobresemento, aínda que quedaron presos a disposición da autoridade gobernativa.

Pasaran dous anos do golpe militar cando, en agosto de 1938, cruzan a fronteira por Irún, Simeón, Elisa (Ita Lia) e Sofía Kuper Hornstein, xunto con Elías Zbarsky Kuper, fillo de Sofía. O goberno español decidira a súa expulsión. Establécense na Unión Soviética.

Para saber máis:

Autor: Xosé Álvarez Castro

Biografía de Sofía Kuper Hornstein

Descargar

Biografías Relacionadas