Mercedes Magdalena García

En 1937, Mercedes Magdalena García partiu rumbo ao exilio bonaerense xunto aos seus irmáns, Severino e Ángel, e o seu home, Constante Estévez Casalderrey, que xa cruzaran a fronteira en setembro de 1936 para intentar fuxir da barbarie que se cobrara a vida doutro dos seu irmáns, Juan Magdalena.

Antes, os fascistas realizaran continuas requisas na súa taberna do Castelo. A súa irmá, Josefa a Recacha, decidiu ficar en Lérez e seguiu sufrindo continuos saqueos na súa tenda de Casaldorado pero polo menos puido mantela aberta durante varias décadas. Mercedes deixouno todo atrás. Pechou o negocio e a casa e subiuse en Lisboa ao buque Antonio Delfino que a levaría para sempre a unha vida completamente distinta, moi afastada de Lérez. No seu país de acollida creceron as súas fillas Carmen e Mercedes e o seu fillo Constante, que tiña catro anos cando marchou da súa Galiza natal, dous menos que Mercedes, catro menos que Carmen.

Elixiron Arxentina porque alí estaba o seu irmán Alfredo, quen xa collera un barco anos atrás, no seu caso, fuxindo da fame. Comezaron traballando nun bar e con moito baixar o lombo, sobre todo ela, conseguiron abrir co tempo o seu propio negocio: un almacén de ultramarinos parecido a aquela taberna que tiveran antes do tempo do medo, onde moitas veces se reuniu a Sociedade Gandeira do Castelo, da que Constante fora presidente. Mesmo hai actas que recollen a cesión de balde cando xa non o era.
Sempre deveceron pola terra. Constante puido visitala nos anos 70 e abrazar os seus irmáns, pero xa non a nai e o pai, que morreran estando el no exilio. Alá morreu en 1977 e alá tamén morreu Mercedes Magdalena, xa na década dos oitenta.

Autora: Montse Fajardo

O PDF descargable corresponde á biografía da familia Magdalena.

Aparece tamén na publicación A represión franquista en Lérez

Biografías Relacionadas