Matilde Villaverde Martínez

Cando foi do golpe, Matilde Villaverde Martínez estaba embarazada. O seu mozo era un veciño de Marcón de vinte e catro anos, Manuel Coto, que foi obrigado a alistarse no bando franquista, mais esas non eran as súas ideas e axiña desertou para loitar en favor da II República. A última nova que tivo Matilde foi unha carta escrita desde a fronte do Ebro o 3 de decembro do primeiro ano, cando aínda confiaba en que a guerra remataría pronto e volvería a Marcón para casar con ela e criar a súa filla. A partir de aí todo foi silencio.

Tras a derrota do exército do que formaba parte, Manuel cruzou a pé a fronteira con Francia e acabou internado nun campo de refuxiados de Vernet, mais no inicio da II Guerra Mundial volveu coller as armas para loitar cos aliados e en 1940, tras ser apresado polas forzas nazis, foi confinado nun Frontstalag, unha área de tránsito previa ao traslado dos soldados a un campo de concentración. Manuel foi levado a Mauthausen o 25 de xaneiro de 1941 e o seu destino final foi Gusen, onde finaría o 2 de xuño de 1943, cando aquela filla que non coñecera tiña xa seis anos. Matilde bautizáraa como Manuela, como el lle pedira naquela única carta. Resultoulle durísimo seguir adiante sen el.  Logo dunha década casou con outro veciño de Marcón pero el tamén finou, internado no sanatorio mental de Conxo onde intentaba sen éxito repoñerse ás secuelas psicolóxicas que lle deixara a guerra.

Matilde emigrou coa súa filla Manuela a Arxentina e nunca soubo que fora de Manuel. Á nai del, Felisa Martínez, convencérona de que vivía feliz no exilio ruso pero Matilde sabía que nunca marcharía sen ela e nin nena. A propia Manuela non soubo ata 2009 que o seu pai fora unha das miles de vítimas dos campos de exterminio nazis.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese descargar no PDF descargable. Tamén podes consultar a publicación Homenaxe ás vítimas pontevedresas do nazismo.

Biografías Relacionadas