- Biografía
- Audios
- Videos
Isaura Pazos Campos chegou ao cárcere de Pontevedra tras a batida que os gardas fixeron na súa casa o 28 de novembro de 1938 para dar co agocho do seu home, Higinio Carracedo, responsábel da organización da resistencia nos montes estradenses, que levaba semanas metido no oco do forno. Matárono ese mesmo día e logo detiveron boa parte da familia, incluída ela e a súa prole, así como veciñas e amizades acusadas de prestarlle auxilio durante os meses de agocho. Mesmo mandaron ao cárcere as irmás, Laura e Rosario Porto Mariño, polo feito de prestarlle cartos a Isaura para que as súas dúas criaturas non pasasen fame na ausencia do pai. Higinio tiña sete anos e Margarita catro. A el metérono nun hospicio e ela foi para a cela coa nai até que, ao cumprir os cinco anos, a levou para a casa Adela Velasco, unha veciña de Poio que estivera presa uns meses por problemas no marisqueo.
Cando Isaura saíu do cárcere non quixo volver a aquela Estrada onde estaba marcada por roja e, tras uns días no fogar de Adela, puido alugar unha casa en Pontevedra para criar a descendencia con cartos do estraperlo. Mais, en 1948, os gardas atoparon no autobús no que viaxaba café, chocolate, garavanzos, arroz, azucre ou sopa, e Isaura, xunto con outras mulleres estraperlistas (como a viúva do Perrita, Carmen Casalderrey) foi levada de novo á cela, onde permaneceu varios meses. Logo, cando o fillo foi maior, Isaura emigrou a Venezuela. Morreu en 1998 sen saber onde fora enterrado o seu home. Naquel 28 de novembro de 1938, o cadáver de Higinio ficou ao pé dun regato mentres ela, a súa nai, a súa sogra, as súas cuñadas e as amigas que a axudaran a mantelo a salvo até ese día eran empurradas camiño do cárcere polo delito de ser solidarias.
Autora: Montse Fajardo
Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.
Descargar