Balbina Vilán Quinteiro

Despois de que os cívicos foran buscar á casa o seu home, e o cadáver aparecese desfeito en Tenorio, a Balbina Vilán prohibíronlle chorar. O cura de Santa María de Sacos, cómplice da barbarie, díxolle que se a volvía ver chorar levábaa de novo para o cuartel onde fora rapada, e díxolle que, ou calaba, ou ía chorar tamén polos dous fillos que tiña no exército, obrigados a loitar no bando que perseguía as ideas do seu pai.

Manuel Fraga Fentanes afiliarase á Sociedade de Oficios Varios e tamén a de Agricultores de San Xurxo de Sacos. Por iso o mataron o 10 de agosto de 1936. Cando estaba emigrado na Arxentina, Balbina aprendera a ler e escribir para que ninguén soubese do que falaban nas cartas, e cando chegou a II República, puido formar parte dunha mesa electoral. Era a primeira vez que se escoitaba a voz das mulleres mais axiña tocou calar de novo. A Balbina prohibíronlle o dó, e mesmo tivo que cambiar a causa da morte de Manuel para cobrar unha pensión, xa mediados os anos 60. Pero ela non estaba disposta a esquecer e por iso, no tempo de tragar as bágoas e do silencio imposto, compuxo un romance no que contaba o que lle fixeran a Manuel.

Un romance que a súa neta escribiu en tres caderniños que Balbina repartiu entre os dous fillos e a filla para que a historia do asasinato do seu pai nunca se esquecera.

Un romance que quedará como legado da memoria resistente de Galiza.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas