Hortensia Vázquez Hernández

Non se sabe onde naceu Hortensia Vázquez Hernández, se en Vigo, Tui ou León. Tampouco o ano: 1896? 1899? Do que si hai certeza é que xa en 1916 o xuíz de primeira instancia pide informes dela como veciña de Lérez, Pontevedra.

Os xornais da época falan dela como ladrona, merchera, paquetera, maleante, máis na rúa o seu alcume era a Furona; unha delincuente versátil que tanto furtaba carteiras nas festas e feiras como roubaba roupas e calzados para revendelos ou ideaba estafas con moeda falsa. O seu radio de acción era todo o abarcable.

Hortensia case nunca actuaba soa. As súas compañeiras habituais, tamén nas páxinas da prensa da época, eran outras mulleres como Carmen Carballeda Sangiao, María Fernández Acuña, Carmen Patiño Blanco e Casilda López Fernández a “Marmota”. Tamén aparece o seu nome repetidamente xunto ao de Darío García con quen tería unha relación “profesional” e afectiva.

Detiveron a Furona por estas actividades en innumerables ocasións e formas; de xeito preventivo nada máis chegar a unha localidade, a través do arresto preventivo denominado “quincena”, tamén foi xulgada e condenada a prisión varias veces e pagou multas impostas pola autoridade.

A súa axitada vida como delincuente tivo o seu reflexo na esfera persoal. Foi amante do famoso carteirista Venerando Fernández González, de cuxa relación naceu o seu primeiro fillo, Teodoro. Máis tarde estableceríase con Darío García en Lérez, con quen non se sabe se casou ou simplemente conviviu. Desta relación, tería moitos descendentes.

As informacións apuntan a que Hortensia, a Furona, estivo en activo até o final dos seus días. Morreu no cárcere de Vigo.

Biografía de Hortensia Vázquez Hernández

Descargar

Biografías Relacionadas