Pilar Allegue

Pilar Allegue Aguete naceu na Coruña en 1946 pero viviu boa parte da súa vida adulta na cidade de Pontevedra, a onde chegou en 1973 por motivos laborais.

Licenciada e doutorada en Filosofía e Letras, na sección de Filosofía, dedicou a súa traxectoria profesional ao ensino. Impartiu aulas como adherida no Instituto Valle Inclán de Pontevedra e traballou tamén como profesora na UNED. Posteriormente, gañou unha praza na Universidade de Vigo, na especialidade de Filosofía de Dereito, institución onde acabará a súa carreira profesional pero non a súa militancia pois Pilar Allegue sempre ten a porta aberta ao compromiso coas ideas que defendeu ao longo da súa vida.

Este compromiso mantense desde a súa época de estudante universitaria, cando se inicia no nacionalismo galego de esquerdas da man de xente como Ben-Cho-Shey, Bautista Álvarez, Vicente Vázquez… cos que establece contacto a través do Club de Amigos da UNESCO en Madrid. Estes anos de estudante están caracterizados por unha grande conflitividade social, marcada pola loita antifranquista e pola Guerra de Vietnam, formándose nela os ideais de loita anti-imperialista e anticapitalista.

En Galiza, é responsable da creación no ano 1975 da Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) e sae elixida nas eleccións municipais do ano 79 por Pontevedra. No entanto, en 1984 é expulsada do BN-PG debido a que, ao ter a segunda filla, reduce a súa participación nas reunións do partido. A partir deste momento, pasa a unha militancia diferente, dedícase á tese e recupera a carreira universitaria.

Para alén do desenvolvemento da súa carreira profesional, na Universidade de Vigo tivo unha militancia importante no feminismo académico. Destaca a súa participación no I Máster de ‘Educación en igualdade de xénero. Políticas de igualdade’, da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas en 2005 coa ponencia Globalización, mulleres e dereitos humanos. Esta será unha das moitas achegas coas que Pilar contribúe ao estudo teórico do feminismo.

Autoría: MAOS Innovación Social

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas