- Biografía
- Audios
- Videos
Naceu en Santiago de Compostela e pronto se trasladou a Pontevedra, onde fixo os estudos de nivel elemental de Maxisterio, que rematou en 1901, coa cualificación de Sobresaliente e Premio Extraordinario. Pasou os exames da Reválida e obtivo o titulo de nivel superior en 1904. Aprobou as oposición de Maxisterio en 1908, exerceu como mestra en Carnota e logo se trasladou a Mourente. Militante no Partido Galeguista, no momento da escisión producida pola alianza coa Fronte Popular, Josefa abandona o partido e ingresa na nova organización, Dereita Galeguista, ocupando o cargo de Tesoureira-Contadora da Xunta Directiva. Foi unha das doce mulleres que participaron no Seminario de Estudos Galegos, onde a presenza feminina é aínda menor que a que hai daquela na Universidade de Santiago. Participou nas actividades do SEG ao rematar a carreira, cando xa exercía como docente, na Sección de Pedagoxía, dirixida polo seu irmán Antón Iglesias Vilarelle e Díaz Rozas, que dirixía tamén o Laboratorio de Psicotecnia.
Vicente Risco, en 1921, na terceira Asamblea Nacionalista proclamara a necesidade de elaborar un Plan Pedagóxico para a galeguización das escolas, urxía a elaboración dun manual para a aprendizaxe do galego, de aí o encargo para as Publicacións Escolares do SEG. En 1932, Josefa publica o seu Método de lectura, primeiro texto didáctico escrito en galego para o ensino da lectura e escrita do galego (até 1969 non sae do prelo o Catón Galego de Ben-Cho-Sey, escrito en 1936). A súa preocupación polo emprego do idioma galego no ensino e polas escolas rurais foi constante, así como a colaboración co SEG, integrándose na liña de traballo que marcaba o grupo galeguista. Na portada do seu texto se atopa un debuxo de Castelao, publicado no número 12 da revista Nós en 1922, no que figura un texto crítico coa castelanización da infancia da fidalguía.
Nun tempo de pescudas innovadoras pedagóxicas, a publicación dun Catón escolar, de liña tradicional, orixinou moita controversia. María Barbeito, pedagoga coruñesa, introdutora do Método Montessori, baseado na espontaneidade e na liberdade, critica a liña metodolóxica do Método, por tradicional e conservadora. En Ourense, a Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), en concreto o seu membro o mestre Herrero Fuentes, comentou que non supuña ningún avance nas publicacións existentes, xa que se baseaba en procedementos xa vellos. Fronte a estas opinións alzouse a voz de Risco, que explica que a crítica que se lle fai ao Método, por non ser innovador, pode ser unha vantaxe, xa que ao mellorar o método tradicional é máis fácil de usar que un método novo, que require ao profesorado esforzo e preparación para a súa aplicación. No nº109 da revista Nós, en 1933, comenta o bo traballo da profesora, á que moito lle ten que agradecer a cultura galega, defende o seu labor coas seguintes verbas: do Catón ao Método da Profesora Iglesias Vilarelle, vai aínda alguna distancia, a favor do derradeiro. Do mesmo xeito, Clemente López Pasarón en A fouce, nº 94, do 15 de setembro de 1932 describía o Método como atalaya lanzal da nosa cultura…obra dunha muller nosa.
Partindo do método tradicional, Josefa Iglesias Vilarelle fai achegas moi interesantes e innovadoras, poñendo en valor a lingua e a cultura do alumnado, emprega a xeografía, o folclore e o medio rural galegos como base do coñecemento e da aprendizaxe. Desde unha óptica conservadora e católica realizou un importante labor en prol da galeguización da escola, dotando a lingua galega dun pioneiro manual para a súa aprendizaxe.
Autora: María Xesús Escudeiro
Descargar