Engracia Vidal

Engracia Vidal traballou desde a fe cristiá por reivindicar o papel da muller na igrexa e por contribuír á defensa e normalización do uso da lingua galega como lingua de culto. Consciente do difícil da súa misión, maniféstase convencida de que, aínda que é posible que ela non chegue a vivir ese momento, a igrexa está na obriga de coñecer a sociedade e, máis tarde ou máis cedo, deberá escoitala e atender as súas demandas e reivindicacións.

A vocación de Engracia maniféstase desde moi nova, despois de realizar os primeiros estudos no colexio do Sagrado Corazón dos Praceres, en Pontevedra. Esta formación relixiosa compleméntase durante a mocidade coa preparación en Maxisterio e, posteriormente, consegue obter tamén unha licenciatura en Historia e formarse en Teoloxía.

Herdeira do Concilio Vaticano II, en 1970 funda en Santiago de Compostela e en colaboración cun equipo de monxas unha residencia para mozas universitarias desfavorecidas economicamente co obxectivo de ofrecerlles alternativas accesibles para estudar. A singularidade desta residencia, que foi pioneira en modelo de xestión e pola vontade social con que nace, permitíalle ás residentes pagar un prezo reducido pola súa estadía a cambio de colaborar no mantemento e nos labores cotiás da institución.

A traxectoria de Engracia repártese entre os labores propios do oficio relixioso, o seu traballo de mestra e a súa traxectoria como escritora e como directora da revista Encrucillada. Revista Galega de Pensamento Cristiá. A través desta revista, Engracia consegue unir dous mundos de grande importancia para ela, a relixión e a reivindicación de Galicia e do galego como lingua culta. Fundada no ano 1977, mantense viva na actualidade a pesar das dificultades que supón facer unha publicación de temática relixiosa e en lingua galega.

Ademais das colaboracións na revista, Engracia é autora do libro Por unha igrexa tamén feminina, publicado no ano 2000 na sección de Monográfica Encrucillada, volume formado por unha serie de artigos sobre a situación da muller na igrexa, do progreso, do retroceso e tamén do estancamento. Reivincadora dun papel activo máis para a muller, Engracia foi rompendo barreiras durante toda a súa traxectoria. Así, por exemplo, foi a primeira muller que impartiu unha conferencia de tema teolóxico en Galicia, en concreto en 1971; exerceu como a primeira muller mestra no Seminario Menor de Santiago de Compostela; e participou dos primeiros grupos de mulleres que asistiron aos Coloquios Europeos de Parroquias. Pioneira no seu ámbito, está convencida de que a igrexa non vai poder resistir a mudanza social.

Autoría: MAOS Innovación Social

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

 

Biografías Relacionadas