Amelia Ferreira Peón

Nada dez anos antes do golpe de Estado, Amelia Ferreira Peón ben sabe o que é traballar arreo e aínda así pasar fame. Á carestía de moitas crianzas de posguerra engadíase, no seu caso, a pertenza a unha familia de esquerdas. Amelia era filla de solteira de Carme Ferreira Peón, e o seu tío materno, Gumersindo, estivo anos agochado da casa tras desertar do exército. Moitas veces ameazaron os cívicos con rapar a Carmen. Salvouna traballar en Sanidade con xente de dereitas pero acabou sendo despedida e a súa filla Amelia comezou desde ben pequena a baixar o lombo para que tanto ela como o seu irmán Marcial puidesen comer.

Era moi pequena cando comezou a ir ao monte plantar árbores até que lle sangraban as mans, e collía cosco dos pinos para se quecer. Despois facía colas enormes para tentar mercar algo de pan, e se en Pontevedra se esgotaba antes de que lle tocase a quenda, ía camiñando até alcanzar Vilaboa ou un pouco máis alá, ao lugar de Paredes.

A querenza do seu avó polo viño agravaba a situación e se puideron saír adiante, como moitas outras mulleres da contorna, foi grazas ás encargas que lles facía para o exército a fábrica de Regojo. A súa nai, que percorría o lugar coa máquina na cabeza para facer apaños de costura, confeccionaba os calzóns mentres as mans de cativa de Amelia tentaban apañarse cos ollais ou cosíanlle os botóns, esquecendo algún de cando en vez para remendar as súas propias prendas.

Tamén lavaron roupa e cociñaron para os presos de Figueirido. Así gañaban uns pesos mentres botaban unha man a quen sufría a represión do peor dos tempos.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas