Carmen Echeverría

Carmen Echeverría Novoa era unha moza moi implicada coa sociedade pontevedresa durante a II República. Asistía a manifestacións das esquerdas e mesmo formaba parte do pioneiro equipo feminino de hóckey sobre herba. O seu irmán José era en xullo de 1936 gobernador civil de Biscaia e cando o golpe triunfou en Pontevedra, á vivenda de Raxó onde Carmen pasaba eses días de verán coa súa familia, chegoulle a nova de que os golpistas querían rapala. Tras durmir esa primeira noite na casa dunhas amizades, Carmen marchou a Vilagarcía buscar acubillo no domicilio do seu tío, Edmundo Novoa de María, cónsul do Uruguai e Arxentina.

Nese consulado agocháranse até a lectura do bando do guerra representantes da dereita vilagarciá e mesmo o capitán Bernal, responsable da Garda Civil, mais iso non lle fixo ser clemente cando, triunfante o golpe, foron buscar a Carmen para rapala. O seu tío negouse até tres veces a entregala, alegando a protección diplomática, mais o único que logrou foi que lle permitisen que fose el quen lle cortase o pelo, para evitarlle a humillación de ser rapada por estraños. Despois tivo que entregarlles a melena, a modo de trofeo.

Xa rapada, levárona detida até Pontevedra onde Carmen permaneceu aproximadamente corenta meses en arresto domiciliario xunto ao resto da familia. Para que non se comunicasen co exterior, cortáronlles o teléfono e incautáronlles a radio. Concluída a guerra, permitiron que marchasen a Raxó mais coa obriga de acudir cada semana ao cuartel de Sanxenxo. Ademais a súa irmá foi depurada como enfermeira e ao seu irmán, que era médico, se lle impediu tomar posesión da praza de profesor de Educación Física que aprobara pouco antes do golpe.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas