Arminda Calvo Casalderrey

Arminda tiña catorce anos cando foi testemuña do fusilamento do seu tío, Albino Sánchez, O Perrita, o home de Carmen Casalderrey, a irmá da súa nai. Casaran en capela, minutos antes da execución del, o 17 de abril de 1937, xunto ao tamén veciño de Lérez, Víctor Moldes Carro. Ambos eran moi amigos de Manuel Calvo García, o pai de Arminda, e compartían as mesmas ideas políticas. Como eles, Calvo tamén estivo agochado despois do golpe pero á diferenza dos seus compañeiros, que foron condenados a morte tras entregarse ao cura de Lérez, Leandro del Río, el logrou salvar a vida.

Mentres que na familia da súa tía Carmen culpan ao sacerdote do fusilamento de Albino, Arminda garda unha moi boa lembranza de don Leandro pois asegura que axudou moito a súa nai, Teresa Casalderrey, logo de quedar viúva. O cura permitiulle pór un posto de viño no adro da igrexa para intentar saír adiante após sufrir continuas requisas na taberna herdada do seu home, que mesmo lle foi clausurada polas novas autoridades franquistas durante longas temporadas. Para axudar á súa nai,, Arminda empezou a ir ao estraperlo coa súa tía Carmen, que tamén quedara soa con dúas criaturas tras o asasinato do Perrita. A pesar da súa xuventude, foi moitas veces a Portugal para traer prata ou artigos que daquela eran todo un luxo como as teas ou o xabón. Máis dunha vez tivo que sortear os controis dos gardas que a alcumaban La Rubia, pero evitou sempre ser detida.

Co tempo, Arminda acabaría casando co fillo de José González, o Xeviño, e Bernardina Carballo Eiras, en cuxa casa, casualmente, estivera agochado tras o golpe Víctor Moldes Carro.

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas