Luz López Fernández

Luz López Fernández iniciouse na música e na pintura. En 1905 recibiu na Sociedade Económica de Pontevedra unha matrícula de honra e un diploma de mérito en debuxo artístico. Malia ás poucas referencias sobre a súa formación como pintora, debeu ser moi completa, facéndose cargo en 1912 xunto coa súa irmá María das clases de debuxo artístico na Sociedade Económica debido á enfermidade do seu pai.

En 1916 decorou os pregos de sinaturas de Augusto Gónzalez Besada cos escudos da Academia e de Pontevedra cando foi nomeado correspondente da Real Academia Española da lingua. Nese mesmo ano, o diario “La Correspondencia Gallega” dedicáballe unha columna no mes de outubro na que loaba as súas cualidades artísticas e musicais. Segundo se recolle, o seu pincel produce cadros, moitos do natural, que copian con notoria exactitude as paisaxes.

Probablemente por cuestión de estudos, Luz visitaba con frecuencia a cidade de Madrid. E na sociedade teosófica sería onde coñeceu o seu futuro home, Agustín Bethencourt Padilla. En 1924 casaron na igrexa de Santa María a Maior de Tívoli e en Italia naceu o primeiro dos seus fillos, Agustín Bethencourt López.

Italia vivía neses anos nun réxime fascista instaurado en 1922 por Benito Mussolini e, igual por iso, a familia decidiu marchar á terra natal de Agustín, deixando todas as posesións que tiñan no país veciño.

Así, as seguintes referencias que hai sobre Luz lévannos ás illas Canarias, en concreto a La Gomera. En 1927, o matrimonio creou na poboación de Agulo a congregación relixiosa dos filiichristi que, en palabras do seu fundador, o home de Luz, partía da teosofía e practicaba o cristianismo.

Luz foi a única muller do grupo e tamén a única que non era natural de Canarias. O seu home Agustín, profesor, políglota e viaxeiro, foi o líder da comunidade. Xunto a eles, estaban os discípulos de Bethencourt: o pianista e escritor Domingo Montesinos e o xornalista Pascasio Trujillo. Tamén tomaron parte o lutier e mestre Pedro Sánchez Padilla e os cuñados de Luz, os escritores Pedro e José Bethencourt Padilla, que estaban en Cuba e Tenerife, respectivamente.

Segundo o escritor e investigador canario Daniel Hernández María, quen publicou en 2016 o libro El misterio de los filiichristi de Agulo, Luz dedicouse a dar clases en Agulo e fixo un labor moi importante de alfabetización entre a poboación de La Gomera.

Nunha crítica literaria que fai sobre o libro dos filiichristi o escritor Francisco Martínez Bouzas, sinala o seguinte:

“Entre las normas que deben cumplir los integrantes de la sociedad, las más llamativas consistían en dejarse el pelo largo, vestir hábito, no ingerir carne, pescado y alcohol, renunciar a las pasiones, hacer votos de castidad, pobreza y obediencia. El mismo Agustín Bethencourt es consciente de ese ideal ascético, y por esa razón su matrimonio con Luz López queda abolido. Crían al hijo que habían tenido a base de plátanos, y los tres duermen en el suelo. Sus modelos de vida sencilla muy próxima al eremitismo son Teresa de Jesús y Tomás Kempis”.

Cando estalou a guerra, a familia parece que estaba en Madrid e de alí non marcharon ata que rematou. Aquí deberon nacer as súas fillas, María Luz e Carmen Bethencourt López, facéndose cargo moitas veces delas o seu irmán maior Agustín. Posteriormente, hai constancia documental de que nos anos 40 viviron en Tenerife, na barriada García Escámez, no número 13 da estrada da autoestrada.

No franquismo, varios dos integrantes da congregación dos filiichristi foron procesados e condenados como masóns. Sobre o home de Luz, Agustín Bethencourt Padilla, consérvase no Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca un expediente de 1948 do tribunal especial de represión da masonería e do comunismo. Así, parece que entre 1920 e 1921, Agustín era integrante dunha loxa masónica madrileña chamada “Fuerza Numantina” nº 355, co nome simbólico de Marte. En 1948 foi detido en Canarias, deixando sen efecto a detención e sendo posto en liberdade por non ter probas do malfeito. Finalmente, en xullo de 1949, o fiscal expuxo que “existindo indicios suficientes de criminalidade contra o encartado como presunto autor dun delito de masonería” se proceda contra el. Ao ano seguinte, Agustín non comparece, polo que Luz declarou que non se atopaba neses momentos en Tenerife senón que estaba en Madrid. Ao parecer, por “diferencias coa súa muller”, Agustín marchara para a capital madrileña. En busca e captura desde 1951, non se volveu saber nada del. Segundo outras fontes, ao parecer, exiliouse polo Tíbet.

Segundo fontes familiares, Luz regresou a Pontevedra cos seus fillos cara a 1955. A súa filla Carmen, violinista, comezara formándose con ela, continuando logo con Antonio Lecuona, mestre e pianista tinerfeño. Pero en Tenerife, ao parecer, a carreira de Carmen non podía proseguir, polo que o fixo na cidade do Lérez da man de Manuel Quiroga.

Luz sabía tocar o piano, a guitarra, o violín, o cello e o contrabaixo e ensinoulle a cada un dos seus netos a tanguer un instrumento diferente. Ademais, pintaba e dominaba o inglés, o alemán, o francés e o italiano. Por iso, en Pontevedra, dedicouse a dar clases de solfexo, música, debuxo, letras e idiomas.

Luz faleceu en Pontevedra o 28 de setembro de 1984, sendo soterrada no cemiterio municipal de San Amaro. A súa filla Carmen finara en Madrid uns anos antes, o 24 de abril de 1980; mentres que Agustín María, coñecido profesor de danza na cidade, morreu o 22 de xaneiro de 2018. Sobre a terceira das súas fillas, María Luz, non se puido indagar.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas