Daría González García

Pertenceu a unha familia pontevedresa, republicana e progresista.

Daría estudou o bacharelato en Pontevedra e continuou a formación en Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filosofía e Letras, sección de Historia, en 1935, cando comezaba a presenza feminina na Universidade. Militou no Partido Galeguista desde 1932 até 1983 e por causa dos antecedentes políticos non puido participar nas oposicións de Adxunto de Instituto. Presentouse á Administración do Estado, formou parte da primeira promoción de mulleres Técnico Civil e adscribiuse á Inspección de Traballo de Pontevedra. Cursou os estudos de Maxisterio e graduouse en 1949.

Casada con Francisco Cerviño Xesteira, avogado republicano, participou en 1950 na fundación do Colexio da Inmaculada, onde impartiu docencia até 1954. Logo exerceu como ensinante nos institutos de Marín e de Pontevedra.

Foi socia protectora do Seminario de Estudos Galegos. Fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, formou parte da xunta reitora da Fundación Castelao e estivo vinculada ao Museo de Pontevedra.

Elixida concelleira por Unidade Galega nas primeiras eleccións democráticas, foi tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983. Recibiu o Premio Cidade de Pontevedra e o Premio Amigos de Pontevedra, en recoñecemento ao seu compromiso coa cidade e con Galiza.

Autora: María Xesús López Escudeiro | Esta biografía forma parte da Exposición ‘Do Gris Ao Violeta’

 

Biografía de Daría González García

Descargar

Biografías Relacionadas