Muller e conflito no Concello de Pontevedra

Pacífico, servil e individualista, esa era a imaxe que o franquismo tentou difundir sobre o campesiñado galego e que mesmo hoxe parece necesario seguir a refutar. Se a eses tópicos sumamos os existentes sobre as mulleres podemos levar sorpresas e decatarnos de como hai prexuízos que seguen ben vivos. Abonda con fixarnos nas loitas dos últimos sesenta anos no Concello de Pontevedra para ver que a historia desmente totalmente eses tópicos.

Perante a imaxe dun territorio dócil e submiso, a durísima represión franquista en Galiza nos anos posteriores á sublevación militar ou a baixa afiliación á Falanxe son pistas de que o noso era un país con forte implantación do republicanismo, o galeguismo e o agrarismo. De igual xeito, perante o modelo de muller que o franquismo quería impor, encontramos que son elas as protagonistas de moitos exemplos de resistencia. Por que? A muller no agro galego representaba a “casa”, no seu concepto amplo, e defendían os seus intereses individuais e tamén os colectivos. Nalgúns casos poderíamos engadir que eran elas as protagonistas por seren as que van recibir un trato moito máis benévolo por parte das autoridades. Encabezaron diversas loitas pero tamén, finalizada a protesta, retornaban para os seus roles diarios e non representaban un desafío estrutural nin para o franquismo nin para o patriarcado. O feito de non seren loitas polo poder axudounas a resistir e mesmo a vencer puntualmente, e hoxe axúdanos a comprender as súas formas de resistencia.

Cales eran estas formas de resistencia e protesta? Eran variadas: aproveitar os recursos legais existentes, realizar accións na vida cotiá para mostrar descontento e tamén a resistencia aberta, con protestas, motíns e boicots, ademais doutras formas máis simbólicas, como tirar foguetes polo cesamento dun alcalde impopular.

Expropiación do monte no franquismo
Tras a Guerra Civil, o goberno franquista iniciou unha política de intensa repoboación forestal. Esta repoboación foi masiva e baseada en especies exóticas, como o eucalipto, o cal imposibilitará o aproveitamento do monte por parte da veciñanza, póndoo ao servizo das empresas madeireiras. En Santa María de Xeve ou Salcedo sucedéronse diversas protestas con motivo deste conflito.

Non pagamento de taxas ás Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos
Na campaña 1944-45 implantouse o sistema de cotas na produción agraria polo cal se obrigaba a realizar unha declaración da colleita vindeira. As sancións por non cubrir o impreso, por atraso ou non pagamento da taxa foron moi numerosas. As Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos, de afiliación obrigatoria, eran quen recadaban esas taxas nos concellos e quen afrontaron as maiores resistencias, especialmente importantes nas parroquias de Marcón, Alba ou Verducido.

A chegada de ENCE á ría
Inaugurada en 1963 en Lourizán, a fábrica de papel foi precedida de múltiples protestas entre 1959 e 1961, chegando a haber manifestacións diarias. A draga provocou moitas protestas das mariscadoras, que boicoteaban pola noite os traballos que a draga facía durante o día.

As dragas de Ponte Sampaio
A enorme draga instalada no río Verdugo, coa cal unha empresa extraía diariamente toneladas de area, causaba graves danos no marisqueo, do cal vivía boa parte da zona. Serán as mariscadoras quen dean comezo a unha loita sen cuartel. Este foi un dos casos de éxito: logrouse deter o dragado.

Autoestrada do Atlántico
A comezos dos anos 70 produciuse outro conflito importante na parroquia de Salcedo, o da construción da Autoestrada do Atlántic. O plan orixinal implicaba, ao redor da autoestrada, cinco fabricas de celulosa, unha nuclear e dúas térmicas, ademais de saídas á Brilat e a centros comerciais. O descontento da poboación viuse plasmado nas múltiples protestas, como a de maio de 1977 que logrou parar as obras, a manifestación de setembro dese mesmo ano, ou o enfrontamento de 1978 na Esculca, que rematou con múltiples persoas feridas.

Ocupación de terras en Salcedo pola BRILAT
Este conflito tivo unha grande repercusión nos medios de comunicación e nel destaca o papel das mulleres das parroquias de Salcedo, que pelexaron para recuperar os seus dereitos sobre o monte comunal de San Martiño, ocupado primeiro pola Deputación e despois polo Ministerio de Defensa e o exército. Este último conflito está aínda moi presente debido a ser o máis recente, de 2008.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: Muller e conflito no Concello de Pontevedra

Cronoloxía dos conflitos protagonizados por mulleres no Concello de Pontevedra

Acampada pola Pontesa
Acampada das traballadoras da Pontesa ante a Xunta, 1994.

Videos

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email