Serafina Ríos Malvar

Cando foi do golpe, Serafina Ríos Malvar xa era viúva e vivía na casa con tres fillas: Áurea, Rosalía e Josefa. O seu irmán, Domingo, pensou que ninguén ía sospeitar delas e pediulles que lle desen agocho ao albanel Manuel Martínez Vázquez, o Marión, destacado afiliado do Partido Comunista. Ía ser por uns días pero pasou alí boa parte dos doce anos que estivo agochado. Nese tempo iniciou unha relación con Rosalía e tiveron unha filla, Áurea, que pasou os primeiros anos da vida convencida de que o home que vivía na casa era o seu tío e, de feito, mandábanlle chamarlle Domingos a Manuel, non fora ser que sen querelo delatase o pai.

Como o irmán de Serafina pensaba, ninguén sospeitou nunca, nin sequera cando foi do embarazo da filla, así que ningunha das mulleres da familia Ríos sufriu consecuencias por unha acción que a outras mulleres lles saíu moi cara. Non foi o único aceno solidario de Serafina. Tamén botou man dun pequeno que estivera no hospicio e que acabou criando como un fillo máis.

A que si estivo detida foi Josefa Vázquez Taboada, a nai de Manuel, polo compromiso coa República, non só de Manuel, senón tamén dos seus fillos Ramón e Joaquín. Segundo conta a memoria familiar mesmo estivo detida na illa de San Simón. Os papeis do Lazareto non recollen que houbese presas pero cada vez son más os testemuños que avalan o contrario, polo que se sospeita que puidese ser cárcere de paso de mulleres sometidas a detencións gobernativas, sen intervención do xuíz, e que, por tanto, non deixarían rastro documental.

Autora: Montse Fajardo

Este texto é un resumo da biografía que pode lerse completa no PDF descargable.

Biografías Relacionadas