Eusebia Durán Lusquiños

Eusebia Durán Lusquiños foi detida e levada ao cuartel do Campo da Feira, tras ser acusada polos cívicos de agochar fuxidos na súa finca, localizada moi preto do paredón da Avenida de Bos Aires. Era recente o seu décimo sexto parto e estaba dándolle de mamar a Pilar, a súa filla pequena, cando entrou na súa propiedade unha cuadrilla de gardas dirixida polo infame Víctor Lis. Quitáronlle a nena do colo, rexistráronlle a casa e, aínda que non atoparon ninguén, levárona ao cuartel onde unhas horas despois sería retido tamén o seu home, Juan Tilve.

Na casa quedou chorando toda a descendencia do matrimonio. Aínda que apenas os retiveron unhas horas, nunca puideron esquecer o incidente, sobre todo o momento no que Lis Quibén lle puxo a Eusebia unha pistola na cabeza para esixirlle desvelar o paradoiro do alcalde, Manuel García Filgueira, e de Juan Sobral, outro pontevedrés fuxido e posteriormente asasinado polos golpistas. Nada sabía do seu paradoiro posto que, aseguran as fillas, era falso que agochase escapados.

Pero de nada valeu. Igual pasou polo terror de que lle rexistraran a casa, de permanecer no cuartel durante horas e de que lle precintasen, xa para sempre, o negocio familiar: unha taberna con ultramarinos.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas