• Biografía
  • Audios
  • Videos

De toda a familia Tomé, só consta que tivese militancia política no tempo da II República Severino Tomé Loureiro, mestre afiliado á Esquerda Republicana. Porén, tras o golpe de Estado, detiveron con el a súa nai, Aurora Loureiro; o seu irmán Pepe, que tiña 21 anos, dous menos que Severino; e as súas irmás, Mercedes e América, de 19 e 17 respectivamente.

Dous meses despois, en setembro, tamén foi levada ao cuartel a súa irmá Olivia, que tiña 24 anos e que xa estaba casada. A familia cre que na súa detención pesou o feito de que a véspera eludira o paso da comitiva fúnebre dun falanxista morto en combate para non ter que facer o saúdo fascista. Segundo conta a súa filla Solita, no cuartel foi rapada e tatuáronlle na fronte as siglas UHP. Ela nin sequera sabía que significaban e tivo que ir ao cárcere preguntarllo ao padriño da súa voda, o médico Tino Poza Pastrana, quen lle recomendou tratar as queimaduras do nitrato de prata usado para tatuala con leite. Así aliviaría a dor.

Ela estivo 24 horas no cuartel pero o seu pai, Laureano Tomé Lago, tivera que pagar mil pesetas -que eran moitos cartos naquel tempo- para conseguir a liberdade da súa muller e do resto da descendencia. El era de ideoloxía socialista pero nunca foi detido.

A pesar das vexación sufridas, Olivia mantivo acenos resistentes como encararse, co paso dos meses, co home que a rapara cando se cruzaron na rúa.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre a familia Tomé.

Descarga // As Rangas
Biografías Relacionadas
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email