Bela Bernárdez Gómez

Isabel Bernárdez Gómez, Bela como lle chamaban na casa, tiña vinte anos cando foi do golpe de Estado. Acababa de rematar Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e estaba afiliada á FUE (Federación Universitaria Española). Axiña nesas aulas na que estudara meteron preso o seu pai, o médico redondelá Telmo Bernárdez Santomé, e Bela percorreu todas as casas da veciñanza de dereitas para intentar salvarlle a vida, mentres a súa nai viaxaba a Burgos pedir clemencia. Dixéronlle que o salvarían mais nin a mediación do irmán de Isabel Gómez, cura de Petelos, logrou evitar que Telmo Bernárdez fose fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936.

A persecución alcanzou a toda a familia. Bela, que tras o triunfo da Fronte Popular participara en manifestación ondeando a bandeira tricolor, tivo que agocharse en Mos para evitar a rapa. E alí tamén marchou Isabel coas máis novas das súas criaturas, logo de que os golpistas lles quitasen a casa como pago ás desorbitadas sancións económicas impostas a Telmo na súa condena de morte. Os maiores dos fillos, Telmo e Jesús, tamén foran detidos, e como Bela afastados para sempre das aulas.

Bela tivo que deixar atrás a súa vida, o seu mozo, e empezar de novo no exilio. Acompañada da súa nai, as súas irmás e os seus dous irmáns pequenos, viaxou primeiro a Porto e, tras unha estancia en Bordeos e Nova York, asentouse en México, onde finou.

Autora: Montse Fajardo

O PDF descargable corresponde á biografía Isabel Gómez Costas, nai de Bela.

Aparece tamén nas publicacións Homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes de Pontevedra, As familias do 12 de novembro e Escola represaliada polo franquismo.

Biografías Relacionadas