Estrella Pintos Iglesias

En xullo de 1936, Estrella Pintos Iglesias, alcumada A Ferreira por ser esa a profesión do pai, estaba embarazada por terceira vez de Manuel Méndez Acuña, dirixente da Sociedade Agraria de Salcedo. Por iso, pasados os días e ante o seu avanzado estado de xestación, el decidiu deixar o agocho do monte e volver á casa que a súa nai, Manuela Méndez, compartía con Estrella e as dúas nenas.

Os gardas chegaron pola noite e leváronos a ambos os dous, mentres as fillas quedaban chorando abrazadas á avoa. Cando chegaron ao cuartel, mallaron nel diante de Estrella para que delatase o seu irmán, Emilio Peón Méndez, e o resto da cuadrilla de fuxidos e, como non falaba, pegáronlle a ela unha malleira e logo deixárona na rúa, desangrándose. Non morreu pero perdeu o bebé.

Após torturalo cruelmente, obrigaron a Manuel a percorrer toda a parroquia cunha coroa de espiñas na fronte, para finalmente asasinalo. O seu cadáver nunca apareceu.

A maior das súas fillas, Concha, tiña cinco anos cando quedou orfa. Gloria, a pequena, só tiña tres.

O silencio de Manuel salvoulle a vida ao resto da cuadrilla. Todos acabaron no cárcere pero cando xa pasaran os anos e o perigo dos paseos.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas