Neste momento estás a ver Temática do mes: Traballadoras do mar
Postal de mulleres lañando sardiña na Moureira. Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

Temática do mes: Traballadoras do mar

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:1 comentario

Son moitas as biografías e as historias que se foron recollendo ao longo de cinco anos do proxecto A Memoria das Mulleres. Pouco a pouco, estes relatos están a se integrar na web dogrisaovioleta.gal, que conta xa cun importante fondo construído en base á memoria recollida neste tempo.

A web dogrisaovioleta.gal organízase en tres eixos temáticos: Represaliadas e resistentes, Traballadoras e Creadoras e pioneiras. Cada unha destas temáticas aparece dividida en subcategorías que axilizan a busca e permiten acceder aos temas de forma ordenada. Co obxectivo de destacar e darlle visibilidade aos artigos publicados, as traballadoras do mar inauguran unha nova proposta divulgativa denominada Temática do mes, que neste mes de marzo estará protagonizada polas mulleres traballadoras que dedicaron boa parte da súa vida a labores relacionados co mar. E dicimos boa parte porque as Mulleres do mar, ao igual que moitas outras, non traballaron exclusivamente no mar aínda que para elas supuxese un recurso necesario para o seu sustento e o daquelas persoas coas que convivían.

Como é o caso das mariscadoras, cuxo relato nos traslada desde os comezos da profesión cando era unha actividade libre até a profesionalización do oficio. E soubemos tamén das mariscadoras a bote, un oficio con presenza maioritaria de homes no que as mulleres están a gañar protagonismo. Pouco a pouco estes espazos restrinxidos son democratizados e as mulleres, non sen dificultades, foron incrementando a súa representación nos órganos de xestión e ocupando cargos de responsabilidade. Como é o caso das confrarías, como se relata no artigo De traballadora da ribeira a patroa maior.

Pero o de mariscadora non foi, nin moito menos, o único oficio no que as mulleres estaban presentes. Do mar recollíase á primeira hora o peixe fresco que despois cargaban as vendedoras en caixóns sobre a súa cabeza e transportaban a pé ás aldeas dos arredores para a súa venda. Señora María! A chamada das vendedoras de peixe de Pontevedra narra a rutina destas vendedoras. No ámbito urbano, as circunstancias eran un pouco diferentes, e a venda concentrábase nun único espazo, a praza de abastos, ao que acudían aquelas persoas que demandaban o produto e nos que a vendedora ocupaba un posto fixo polo que debía pagar unha taxa e os impostos correspondentes. Moitas destas vendedoras na praza eran naturais do barrio da Moureira, un barrio coñecido tanto pola súa relación coa mar como por ser referencia de locais de prostitución, ámbitos que conviviron durante moito tempo e estableceron relacións que van Dos peiraos ás tres columnas. As mulleres da Moureira.

A venda directa do excedente de peixe era unha das moitas ocupacións das mulleres do mar. Destaca tamén, entre outras, o tecer laborioso e minucioso das Redeiras, atadeiras e chaboleiras coas que se construíu e arranxou o aparello co que extraer o peixe do fondo mariño.

Ao abeiro do mar naceron ademais importantes industrias que converteron o esforzo das mulleres na súa principal man de obra. O traballo nas conserveiras e bateas é a historia de moitas mulleres que traballaron sen apenas cobertura social, sen contratos, sen horarios fixos e en condicións pésimas.

Pero o mar foi tamén motivo de conflitos, de loita por defender dos intereses privados un recurso que era de todas e todos. Como o conflito da draga de Ponte Sampaio, que se recolle no artigo A area do pan, a través do que descubrimos a loita das mulleres de Ponte Sampaio, moitas delas mariscadoras, contra a draga que se instalou no leito do río Verdugo para extraer area e coa que se destruía o principal lugar de cría. En consecuencia, o marisco que nacía nese areeiro morría e deixaba as mariscadoras sen posibilidades de traballo.

Todos os artigos constrúen o relato vivido destas traballadoras do mar, que foron as precursoras a mediados do século XX dunha forma de traballar que senta as bases para o noso presente.

Esta entrada ten un comentario

  1. Mariluz

    A area do pan…non se pode dicir mellor!!

Deixa unha resposta