Pontesa, luces e sombras

A historia da fábrica de louza Alfares de Ponte Sampaio está chea de luces e sombras. Instalouse ao fondo da ría de Vigo no ano 1958 ao abrigo do réxime franquista, sendo unha das factorías máis modernas naquela altura. A fábrica foi tamén escenario dunha eclosión da conciencia obreira e o movemento sindical protagonizada en boa medidas polas mulleres de Arcade, Ponte Sampaio, Pontevedra, Lérez, Pontecaldelas, Redondela, Chapela… foron a principal man de obra de fábrica de louza e grazas ás que se conseguiron melloras laborais.
Tras a morte do seu fundador en 1975 e coincidindo coa caída da ditadura, a Pontesa iniciou un longo proceso de declive pasando por mans de propietarios ben incapaces de levala adiante, ben interesados en lucrarse do seu patrimonio, que rematou co seu peche en 2001, entre débedas e protestas obreiras.

A memoria dos primeiros tempos de bonanza pasa polo equipo de baloncesto feminino, o economato no que os produtos eran máis baratos que nas tendas, a cantina, as clases nas que moitas aprenderon a ler e escribir, as longas e duras xornadas de traballo, os amores entre compañeiros, a solidariedade á hora de cumprir a produción e permitir que todas cobraran a prima, e sobre todo as reivindicacións: como a fábrica se paraba, dunha punta a outra, en menos de tres minutos para reclamar melloras laborais.

As condicións de traballo na Pontesa mudaron cos anos baixo a presión obreira exercida polas mulleres e homes que se organizaron tanto dentro como fóra das estruturas sindicais, anticipándose en boa medida ás melloras sociais que sobreviñeron coa democracia. Conseguiron así reducións da xornada laboral, horas para lactación, un fondo social para atender os gastos de gardería ou a ampliación do tempo de vacacións entre outras moitas vitorias.

Xa no tempo do franquismo, o persoal integrábase dentro do Sindicato Vertical e moitas, nos últimos anos do réxime, participaban das reunións clandestinas dos sindicatos que se legalizarían a partir de 1975. Coa chegada da democracia, dentro do Grupo Gea as mulleres representaban unha menor afiliación sindical (no 2001 só o 29% eran delegadas sindicais – dato de “Mulleres de Arxila”, Maite Pena Rodríguez) e se no comité intercentros o sindicato maioritario era CCOO_UGT, na Pontesa o sindicato maioritario foi sempre nacionalista, primeiro SOG (Sindicato Obreiro Galego) e despois CIG (Confederación Intersindical Galega).

Elas foron artífices das protestas (pode que menos presentes nos sindicatos pero si nas rúas) parando o tren, ocupando o espazo público e interrompendo a produción. Tras a morte do fundador Moisés Álvarez e a posterior compra do Grupo Gea por parte do Instituto Nacional de Industria (INI) a actividade obreira e sindical intensificouse, chegando á súa máxima eclosión nos últimos dez anos de traxectoria, desde 1991, ano nos que o INI vende o Grupo Gea ao conglomerado valenciano Estudesa, comezando entón un verdadeiro espolio, que rematou en 2001, co grupo descapitalizado, débedas con traballadores (salarios e indemnizacións) e fornecedores, e unha situación de desgaste entre os e as traballadoras, que representaban e defendían diferentes estratexias reivindicativas e de futuro para a o grupo.

As marchas a pé desde a Pontesa ao goberno civil de Pontevedra, desde a factoría de Cabral até o centro de Vigo, os peches na Pontesa e no concello de Vigo, as folgas de fame, os cortes de tráfico, as acampadas de protesta na Xunta, en Madrid… non conseguiron frear o espolio. A empresa pechou e as traballadoras quedaron na rúa a unha idade que as deixaba practicamente fóra do mercado laboral.

A especulación financeira e inmobiliaria enguliu o emprego, os salarios e as indemnizacións por despedimento… e volveu bater nas súas vidas cando xa en 2002 para cobrar o diñeiro que se lles debía, venderon os terreos das fábricas que o grupo tiña en Cabral e Coruxo (Vigo) á empresa Inversiones Subel. Pasados 15 anos, aínda non conseguiron cobrar o importe total da venda e 208 persoas, a grande maioría mulleres, seguen a reclamar ao comprador da finca, o magnate Luis Fernández Somoza, que pague case 2,5 millóns de euros que manteñen aberta a loita, as protestas e caceroladas na Coruña, en Vigo… a defensa da dignidade obreira.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pode lerse o texto completo en Pontesa, luces e sombras

 

Cronoloxía da historia da Pontesa

Encerro das traballadoras da Pontesa na fábrica en protesta polos despedimentos e o non pagamento dos salarios. Novembro de 1993.

Videos