Leiteiras

Os camiños que unían o rural e o urbano pontevedrés eran transitados por aquelas persoas que desde o rural se desprazaban á cidade para o subministro daqueles produtos máis necesarios e escasos.

Un dos bens máis apreciados era o leite da casa. As leiteiras percorrían a diario a distancia entre a súa parroquia e a cidade cargadas cos bidóns do leite. Normalmente facían o camiño en grupo; unha vez en Pontevedra separábanse para ir cada unha á súa área de repartición para despois volverse xuntar e facer xuntas o camiño de volta.

Moitas comezaban na mocidade, en moitas ocasións porque tiñan algunha parente que xa traballaba no oficio. Para ser leiteira había que buscar a clientela. Primeiro, había que conseguir que as persoas que querían levar o leite a vender llo confiasen. Despois, era preciso buscar persoas que o quixesen mercar. No caso das mozas que herdaban o oficio dalgunha familiar, o máis frecuente é que seguise a facer a repartición nas mesmas condicións en que xa o viñan facendo anteriormente.

A pé, cun remolque ou, na mellor das sortes, axudadas por unha burra eran as formas máis habituais de desprazamento. Ir a pé implicaba levar unha lata dunha capacidade algo superior aos 20 litros na cabeza e outra pequena colgada na man coa medida. Cando levaban o remolque, podían levar máis cantidade pero as propias leiteiras eran a forza de tiro e había que puxar por el costa arriba e evitar que escapase costa abaixo. No momento en que se pensaba manter o oficio durante algo de tempo valorábase a posibilidade de comprar unha burra. O animal levaba a mercadoría e as leiteiras seguían desprazándose a pé. Unha vez en Pontevedra pagaban por deixar as burras nunha casa situada no Burgo durante o tempo que duraba a repartición. Contar coa axuda dunha burra era unha sorte pero tamén podía supor unha deshonra cando o animal sufría algún contratempo pois daquela poñían cancións de mofa a aquelas familias a cuxo animal lle pasaba algunha desgraza.

Unha vez no lugar de destino, botaban o leite do bidón para as latas e coas latas na cabeza ían para as primeiras casas. O obxectivo era xuntar o número de fogares o suficientemente elevado para poder vender todo o leite transportado. Podía darse o caso de que unha clienta lle falase a algunha amiga ou veciña da calidade do produto que lle traían e ir aumentando, así, o número de compradoras. En ocasións levaban máis do que podían distribuír e víanse na obriga de vendelo máis barato para non ter que vir de volta con el para a casa. Este leite sobrante vendíanllo con frecuencia ás peixeiras que estaban na praza e por veces a algunha usuaria da praza, que incluso se podía converter nunha futura casa de repartición en caso de gustarlle. Como alternativa á praza, tamén había persoas que ao final da xornada lle compraban o sobrante ás leiteiras para despois revendelo nas fábricas. O beneficio para estas persoas aumentaba porque lle engadían auga. E moitas veces queixábanse ás leiteiras porque na fábrica non lles gustara a calidade que traía, probablemente por un exceso de auga.

No entanto, non sempre a xornada transcorría como era previsto. Os controis á chegada da cidade sobre os produtos entrantes eran abundantes e tamén se facían sobre o leite. Aleatoriamente os servizos de vixilancia medían a calidade do produto para comprobar que cumpría cos requisitos mínimos establecidos. No suposto de que non chegase a ese mínimo, tirábanlles coa mercadoría e víanse na obriga de pagar unha multa. Pero ademais, de non pasar os controis e perder o leite, para despois cumprir coas casas que llo mercaban habitualmente tiñan que elas comprar para o poder servir. Para asegurarse de que a calidade do leite era boa na recollida, as leiteiras contaban co graduador do leite, uns aparatos que permitían saber no momento a calidade do leite. Coa súa axuda, a leiteira podía á vez valorar que casas lle interesaba coller pois canto mellor era o leite, mellor lle admitía que a leiteira lle puxese un pouco de auga, pois dalgún lado tiñan que tirar a ganancia.

Á hora de coller o camiño de volta había que facer as encargas que traían da veciñanza. E así, de levar o leite pasaban a traer o peixe, metido dentro da lata do leite. E, polo camiño, algunha paradiña para repor forzas e tomar un sustento. Na de Paco do Conexo, na do Rodabouxo ou na do Castellano, que seica tiñan moi bo viño, collíanse folgos para volver á casa e seguir a traballar no campo, na casa, no coidado dos fillos e da familia…

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: Leiteiras

Leiteiras de Santa María de Xeve e Verducido, 1950.
Leiteiras de Santa María de Xeve e Verducido, 1950.

Audios