Os montes comunais, un recurso cobizado

A propiedade do monte como ben común dos veciños e das veciñas en Galiza ten a súa orixe na chegada dos pobos xermánicos ao noso territorio, o que dá mostra da longa tradición da sociedade galega.

Esta propiedade común mantense viva aínda hoxe, a pesar dos múltiples impedimentos con que se foi atopando ao longo da historia. Recentemente, desde mediados do século XX, tiveron lugar na área rural do Concello de Pontevedra varios conflitos cuxo detonante foi, precisamente, a xestión e o uso dos montes veciñais. Sobre el e sobre a súa produción foron xurdindo intereses económicos privados que buscaron, coa colaboración da administración franquista, retirarlle a xestión destes montes aos veciños e ás veciñas, os seus propietarios lexítimos.

Nestes conflitos tiveron unha importante participación as mulleres das parroquias afectadas, tanto por seren elas unhas das principais vítimas desta actitude represiva como polo feito de querer negarlles o acceso a un dos recursos máis empregados para a súa manutención. Elas, usuarias destes montes, viron como lles impedían o uso dun ben que sempre lles fora propio.

Como consecuencia, a veciñanza destas parroquias rurais non pode facer uso do que era e seguía a ser un lugar de traballo común e unha fonte de recursos básica. Do monte extraían a leña, o estrume para os animais, alimentaban as abundantes cabezas de gando que se criaban (lanar, cabrún e vacún), repartían parcelas aproveitables para plantar… todo isto supuña para as economías rurais unha importante fonte de ingresos e recursos.

Na parroquia de Santa María de Xeve tivo lugar un destes episodios. A Deputación fíxose con parte do monte veciñal para dedicar estes terreos á plantación de eucalipto e piñeiro, maioritariamente. Como consecuencia, as veciñas e os veciños da parroquia iniciaron unha serie de protestas que supuxeron, en moitos casos, represalias para as persoas participantes: multas e malleiras principalmente. O documental de Llorenç Soler titulado O monte é nosso (1978) recolle o testemuño histórico de veciñas e veciños de Santa María de Xeve e dá conta da magnitude do conflito e dos abusos cometidos.

Un caso semellante ao de Santa María de Xeve rexistrouse na parroquia de Salcedo, cando nos anos 50 do século pasado se ocupa por parte da Deputación o monte de San Martiño. A propiedade de monte ocupada pola Deputación, a través da Escola de Capataces de Lourizán, cércase con postes e arames de espiño que impiden a entrada dos animais, das veciñas e veciños que acudían ao monte para buscar leña, estrume, etc. ou mesmo se nega o paso a través das rutas que comunicaban a parroquia con outros lugares da contorna.

“O monte de quen era? Queríanse facer eles os amos del! O monte era noso, era da parroquia! Pero querían eles facerse amos e como fixeran eles aquelas parcelas e plantaran pois botaban multa a quen entrara dentro e lle fixeran dano. Pois é iso o que che conto eu”. [C.G.P.; Salcedo].

A estratexia seguida pola Deputación era o medo, a represión en forma de multas e mesmo de cárcere, como o caso da veciña Cipriana Carabelos Farto, que foi detida durante 24 horas ao non contar nese momento cos recursos necesarios para pagar unha multa.

A apropiación por parte da administración pública destes montes comúns excluíu a veciñanza tanto da xestión como do uso deste monte para destinalo á produción madeireira, cun programa extensivo de plantación de especies foráneas como o eucalipto ou o piñeiro cuxas consecuencias son visibles aínda na actualidade. Os montes son cercados e vixiados por persoas alleas á parroquia que actúan en favor das empresas beneficiarias e que impiden o achegamento e uso das veciñas e dos veciños ás zonas afectadas.

A recuperación do monte por parte da veciñanza foi un acto de reivindicación duns dereitos que eran seus e foron precisos moitos anos e unha intensa loita para conseguir o recoñecemento administrativo desta realidade. Con todo, as plantacións de especies alleas mudaron radicalmente a fisionomía do monte e o seu aproveitamento tradicional dificilmente puido ser restaurado.

 

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: Montes comunais, un recurso cobizado

Aurelia Blanco, 'a do Corno'
Aurelia Blanco, 'a do Corno'

Audios

Videos