O verán do leite e o peixe. A protesta das leiteiras de Pontevedra de 1892

Eran moitas as leiteiras do rural pontevedrés que levaban o leite á cidade e volvían ás súas parroquias co peixe que mercaban ás peixeiras da Moureira; un peixe co que elas, á súa vez, facían negocio. O intercambio de mercancías entre elas estaba adornado de conversas, rumores, chismes, liortas, queixas pola situación do día a día, das inxustizas… da vida que se viña tecendo nos camiños andados polas leiteiras e agromaba na verba fluída e libre das pescantinas.

A feble arquitectura económica que sostiña as familias destas mulleres ameazaba con verse empobrecida cando en xullo de 1892 o concello de Pontevedra decidiu que o leite fora gravado como un “consumo” e o peixe sufrira un importante incremento no seu arbitrio. As pescantinas recibiron mal esa nova, que coincidía ademais cunha caída no prezo do produto debido ás abundantes capturas daqueles días. Elas alentaron a protesta e as leiteiras negáronse a pagar os arbitrios.

O primeiro día da protesta foi o 22 de xullo. As vendedoras comezaron unha guerra a pedradas nos fielatos (onde se pagaba arbitrios) da Ponte do Burgo e da praza de San Xosé que rematou coa vitoria das mulleres tras un violento enfrontamento cos cobradores e a garda municipal que deixou as casetas do fielato pouco menos que destruídas e saqueadas. O alcalde naquela altura, Ángel Cobián Areal, ditou aquela mesma mañá un bando de urxencia para solicitar á poboación o seu afastamento dos lugares máis conflitivos.

O triunfo das vendedoras foi unha mostra da capacidade de autoorganización e cohesión que as levou a gañar novos apoios e activos no motín. De tal xeito, ao día seguinte Pontevedra amenceu vestida de pasquíns, panfletos e algunha bandeira vermella. Así, este movemento popular de base feminina tornábase político e colectivo, con eco entre o republicanismo, que observaba con asombro como o rural e o agro das parroquias posuía un enorme potencial subversivo.

O segundo día do motín, 23 de xullo, o gobernador civil, González Bicada, e o alcalde acudiron aos puntos máis exaltados para negociar baixo o compromiso dun próximo arranxo. Enrócanse na obrigatoriedade de pagar pero as vendedoras mantivéronse firmes e lograron o seu obxectivo: saltarse o arbitrio e entrar sen pagar, iso si, entre berros e agresións.

A protesta chegou ao seu terceiro día nun ambiente pesado e violento. De novo, o lugar de maior confrontación foi a ponte do Burgo, entre pedradas, incontables feridos e culatazos. Sucedéronse os primeiros mortos e o terror xeneralizouse na cidade. A situación era insostible e declararon o estado de sitio en Pontevedra. Á vez, ordenouse o envío de efectivos militares até formar un pequeno exército; uns 900 efectivos militares que tomaron Pontevedra de madrugada. A cidade quedou suxeita á Lei marcial. A protesta parecía sufocada.

O 25 de xullo a cidade espertou deserta. O silencio indicaba que as vendedoras non acudiran a vender os seus produtos en sinal de protesta. Tampouco o fixeron ao día seguinte. Baixo a presión da falta de mercadorías, o 27 de xullo a corporación municipal acordou a supresión do imposto sobre o leite para conseguir o abastecemento do mercado, ao mesmo tempo que reduciu de dúas a unha peseta o arbitrio sobre cen quilos de peixe miúdo, e rebaixou o pagamento por cada pito de 16 a 10 céntimos. Unha clara vitoria popular. Ese mesmo día levantouse tamén o estado de sitio.

As leiteiras de Vigo non tardaron en esixir o mesmo trato chegando a declarar unha folga indefinida que terminou por falta de apoio, tras fracasar o seu propósito de lograr o desabastecemento da poboación.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pode lerse o texto completo en: O verán do leite e o peixe]

Postal da Praza de San Xosé de Pontevedra, onde se atopaba un dos fielatos máis conflitivos do motín de 1892.

Galería