Redeiras, atadeiras e chaboleiras

Os traballos relacionados co mundo do mar que exercían e exercen as mulleres son múltiples e polo xeral pouco recoñecidos. Algúns dos seus labores máis habituais eran os de confección e mantemento das redes e aparellos de pesca. Chaboleiras, atadeiras e redeiras eran os oficios vinculados dunha ou doutra forma a estes labores.

Estes oficios diferenciábanse antigamente de forma específica e tiñan tarefas concretas asociadas. Nas últimas décadas do século XX na zona de Estribela e Marín as atribucións das redeiras pasan a ser desenvolvidas polas atadeiras e chaboleiras. O propio nome do oficio identifícase hoxe en día cos homes, os redeiros, especializados en traballos máis pesados, como o de facer e reparar mallas de arrastre e redes de altura. Os homes polo xeral, como noutros oficios, cobraban máis que as mulleres, as cales non dispuñan de contrato laboral nin de seguro.

As chaboleiras recibiron o nome do seu lugar habitual de traballo, as chabolas, que eran os baixos das casas onde se almacenaban utensilios e aparellos de pesca e onde desenvolvían parte dos seus labores. Ao volver os barcos do mar botaban as redes a secar e limpábanas, xa que moitas veces viñan cheas de lodo, traballo este moi laborioso.

“E despois cando os barcos viñan do mar traían o peixe que traía o fango todo (…) pois para quitarlle iso, aí por onde está o ribeiro todo, aí a secalo e cando che secaba inda o quitabas ben de mollalo que de seco xa non o dabas quitado, quedabas cos dedos… Xa quedaba o dedo coma… xa sangraba pola punta dos dedos.“ (S. – Marín)

Tamén carrexaban as caixas do peixe na cabeza, encascaban (tinguir os aparellos con casca de piñeiro cocida para que se conservasen mellor) e, xa na chabola, facían rede. Á parte, estaban os traballos da casa, entre outros posibles.

“Na chabola, á mañán levantábaste e o que tiñas que facer na casa xa era á parte, e á mañán ibas para a chabola, e se había que botar aparellos a secar botábanse aparellos a secar. E se non facías na rede ata a unha da tarde. E despois á tarde, ás tres, ibas outra vez para a chabola e que non te mandara o armadore a fregare a cociña.” (S. – Marín)

O labor de secar e arranxar os aparellos de pesca non era exclusivo das mulleres, había tanto chaboleiras como chaboleiros. Se o barco era de pesca á vaca (pesca de arrastre menor que o bou), precisaba unha chaboleira e un chaboleiro. Se era á parella (dous barcos arrastran unha soa rede de profundidade) tiña dúas chaboleiras e un chaboleiro, xa que os aparellos dos barcos da parella eran máis grandes que os da vaca.

O cobro non sempre se correspondía coa dureza do traballo. En ocasións o pagamento era en especie, só despois de o armador e os mariñeiros teren apañado os seus quiñóns. Era ir “a pan”.

“Na chabola se o barco traía peixe primeiro facíanse os quiñóns máis grandes e despois eran os dos mariñeiros. Había meses que igual ganabas vinte pesos, como dez, como nada, se o barco estaba en terra… que había mal tempo.” (S. – Marín)

“Se o barco ganaba, ganaba, se non ganaba non cobrabas nada.” (D. – Estribela)

O oficio de atadeira relaciónase cos aparellos para a pesca de baixura (medios mundo, nasas, pedra de abalar, palangre, etc.). Na zona de Estribela e Marín é un oficio xa desaparecido. Viñan as pezas para confeccionar o aparello e había que cortalas segundo as medidas escollidas polos armadores. O grosor da rede e os anacos de chumbo que levaban dependían do tipo de pesca: a ardora, ao xeito, etc. O traballo das atadeiras era máis esporádico que o de chaboleira.

“Ás atadeiras víñanche chamar, ‘mira teño o aparello tal, pódesme vir, necesítote dous días, tres días’. (…) Tíñano como un traballo esporádico, ‘venme ben traballo dous días na semana’ (…). “ (D. – Estribela)

Tanto as atadeiras como as chaboleiras aprendían normalmente o oficio na casa, a través da familia. Era moi frecuente aprender desde moi cedo.

“Eu con dez anos xa facía na casa, que facíamos rede na casa. (…) Eu fun para a chabola con 12 anos a facer na rede que se operara miña nai e miña tía era chaboleira, e eu iba no sitio dela (…)” (S. – Marín)

As condicións co tempo foron mellorando relativamente, aínda que tamén diminuíu o número de mulleres dedicadas ao traballo coas redes. Desde comezos do século XXI destacan a realización de diferentes encontros de redeiras e a creación da Federación Galega de Redeiras Artesás, que naceu co obxectivo de dignificar a profesión e darlle visibilidade.

O tempo muda mais os traballos asociados tradicionalmente á muller seguen a ser igual de fundamentais que antes para os barcos e a pesca.

Autoría: MAOS Innovación Social

[Ver o texto en PDF: Redeiras, atadeiras e chaboleiras]

Atadeiras de Marín
Atadeiras no porto de Marín. Aproximadamente, anos 50.

Audios

Galería