O traballo nas conserveiras e nas bateas

A presenza das mulleres nas conserveiras remóntase á fundación da primeira fábrica, na Coruña en 1836. Desde entón, as hábiles mans de miles de traballadoras axudaron a que o sector conserveiro galego sexa hoxe o máis importante en Europa e o segundo do mundo.

No século XX as factorías concentrábanse nas Rías Baixas, sobre todo en Vigo e nas comarcas do Morrazo e da Barbanza. Tamén na área do concello de Pontevedra, Marín e Poio se atopaban abundantes conserveiras, das que non resta case ningunha en activo: só na zona de Estribela había oito fábricas, como a de Herrero. Tamén había na Moureira, As Corvaceiras (Uzal) ou en Lourido (conservas Montenegro) e Combarro (Malvar e Mosquera, até 1960).

Hoxe en día certos procesos están moi mecanizados, mais ata os 80 parte do traballo de procesamento do peixe e do marisco era aínda manual. Eses traballos recaían nas mulleres, cuxas tarefas eran múltiples e abranguían desde as máis esixentes ás máis delicadas.

“(…) limpabamos o peixe, a anchoa e o boquerón, había que sacarlle a peliña cun trapiño de saco, e abrila, poñela nos papeles, e despois empacala nas latas. Aceitábanse e cerrábanse as latas.” (R., Salcedo).

“A carrexar bidóns de aceite, caldeiros, porque viña nuns bidóns grandes, cunha billa, metiamos e veña caldeiros de aceite para as máquinas e alí unhas a enlatar, outras a empacar.” (L., San Xoán de Poio).

Nas fábricas o traballo e os cargos respondían a unha división de xénero, e é que os poucos homes presentes nas fábricas exercían normalmente os postos de mando. Mentres, o traballo máis duro recaía polo xeral nas mulleres, ao cal debía sumarse a falta de regulación dos horarios e que as mulleres sempre tiñan que estar dispoñíbeis para ir á fábrica.

“O horario podía ser incluso de traballar todo o día e toda a noite. Depende da demanda. Temos estado 24 horas traballando. (…) E despois non só iso, despois traballábamos no campo, que eu traballei moito con vacas e bois e detrás dun arado dándolle volta á terra. (…).” (L., San Xoán de Poio).

As bateas

Outro lugar no que as mulleres tiveron unha presenza importante foi nas bateas. En comparación coas fábricas, este traballo era máis duro, pero tamén mellor pago.

“Despois como quixen ser un pouco máis fina vin para a fábrica de Combarro (…). Aí xa gañaba (…) 7 pesetas. E as que viñan á batea gañaban 2 pesetas máis, 9. E logo eu quitáballe esas 2 pesetas á miña nai e dáballe o soldo enteiro e esas 2 pesetas eran para min. E viña ás bateas buscar o mexilón para levarlle para as outras mulleres para a terra. (…).” (L., San Xoán de Poio).

A dureza non era o único problema do traballo nas bateas, as condicións laborais eran difíciles e a cobertura legal mínima.

“Traballas para un xefe. Daquela tampouco che pagaban a seguridade social. Tiñamos un seguro de accidente e unha semana estaba ao teu nome e outra semana a nome doutro e outra semana a nome doutra. E se unha caía enferma logo cambiaban o nome e poñían o da que se lastimaba. Poñían aquela que era a que estaba asegurada. O resto estaba sen asegurar. Era só de accidente, de seguro de enfermidade nada.” (L., San Xoán de Poio).

Na actualidade, a conxunción do empobrecemento ecolóxico do medio e a maior mecanización do traballo explican que hoxe en día haxa moitas menos mulleres traballando nos labores do mar, sobre todo nas bateas.

 

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: O traballo nas conserveiras e nas bateas

Interior da conserveira Masso en Cangas
Interior da conserveira Massó en Cangas do Morrazo. Arquivo Histórico de Bueu.

Galería

Videos