Mariscar a bote. Un oficio de mulleres

Estrella e Gabriela son mariscadoras a bote. De luns a xoves saen do peirao de Ponte Sampaio sobre as sete da mañá a bordo de El Mar. Aínda con noite, abandonan o peirao cara a zona de marisqueo, a enseada de San Simón, e de camiño saen ao encontro outras embarcacións. Xuntaranse no lugar de marisqueo, configurando o quebracabezas de barcos a marear.

A xornada laboral do marisqueo a bote está limitada de sete da mañá a dúas da tarde. No entanto, unha vez se reúne a cota máxima permitida por día, acaba o traballo. A flexibilidade horaria permite compaxinar vida profesional e persoal, pois o horario de entrada tampouco é rigoroso. Iso si, traballan verán e inverno, ao calor e á chuvia. Non é doado decidir cal é preferible pero o calor, que a priori semella máis agradable, non necesariamente é o máis desexado. Os días calorosos, os traxes de auga apenas deixan transpirar e son abafantes, especialmente cando se marea. No inverno, as augas andan máis revoltas. A chuvia cae sobre os corpos das mariscadoras e dos mariscadores e o frío só se soporta co traballo. En peor posición están as acompañantes, que colaboran na embarcación para escoller a ameixa, separar as grandes das pequenas ou axudar nos labores de manexo do barco.

Ser mariscadora a bote

A actividade das mulleres no marisqueo a bote foi restrinxida até hai poucos anos. A súa presenza estaba asociada aos labores de selección, ao rol de acompañantes. Estrella reivindícase como a primeira muller que foi soa mariscar a bote.

Os comezos na actividade non foron doados e nos primeiros anos non tiñan cobertura social. Cando alguén decide ir ao mar para mariscar a bote ten que marear desde o primeiro día, saiba ou non. As ferramentas principais de traballo son o barco, o angazo e a roupa de augas. O barco exerce tamén a función identificador das persoas no mar, que se chaman polo nome do barco. O angazo permite a extracción da ameixa. É pesado, e así debe ser para favorecer que se agarre ben ao fondo do mar e poder arrastrar a ameixa. O seu manexo require de gran forza física. O son da ameixa sobre o metal, que chaman ‘o cantar’ (que canta a ameixa no angazo), é a constatación de estar no sitio axeitado. Por contra, a ausencia da melodía implica o mesmo esforzo pero sen recompensa.

O produto

Na enseada de San Simón recollen ameixa xapónica e fina e berberecho, fundamentalmente. A ameixa xapónica foi unha especie foránea que na actualidade se cultiva nas rías galegas. Antigamente o que máis abundaba nesta enseada era o berberecho e a ostra. Aínda se lembran os barcos cheos de berberecho. As persoas que saían mariscar, mariscaban sen escoller, a eito; botaban todo para o barco. Despois, as mulleres seleccionábano, xa en terra, e tiraban unha táboa desde o barco ao peirao para transportar sobre a súa cabeza os queixóns, un tipo de muñicos de madeira feitos polos cesteiros. Pasábanlles unha vara por riba para medir a cantidade exacta e tirar o sobrante e cargaban os camións, que distribuían o berberecho. Era moita a riqueza da ría.

Cuestións administrativas

Para se iniciar na actividade do marisqueo a bote, o investimento é bastante elevado xa que teñen a obriga de realizar varios cursos: de mariñeiro, de patrón -se queren ir soas no barco-, de supervivencia, sanitario e de radio. A maiores está a cuestión da licencia do barco, que se decide segundo a actividade que se vai realizar. De feito, este é un dos problemas para a continuidade deste oficio no futuro. Apenas se expiden licencias novas o que obriga ben a enrolarse nun barco activo, ben a comprar un barco con licencia.

E, fóra mitos, agora si que teñen que saber nadar. Os tempos xa non son os que eran! Para moitos foi un gran cambio ter que aprender natación despois de estar indo ao mar durante practicamente toda a súa vida.

Ao finalizar a xornada

Ao finalizar a xornada, unha vez escollidos os mellores exemplares e comprobada a cantidade máxima, o restante emprégase para sementar de novo. Co barco en marcha van deixando caer a ameixa nun rego imaxinario trazado sobre a liña do mar.

A mercadoría déixase na confraría, desde onde a trasladan á lonxa, que é quen se encarga da venda na poxa de Vigo. Para identificar a achega de cada quen, anótase tanto a cantidade como o tamaño da ameixa e berberecho que entregan e a cambio reciben un vale. Pola tarde publícase o prezo de vendan na internet e tamén colocan un carteliño na confraría. E ao día seguinte, outra vez os motores en marcha.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: Mariscar a bote. Un oficio de mulleres

Marisqueo a bote
Xornada de marisqueo a bote en Ponte Sampaio, con Estrella Cortegoso e súa filla, Gabriela Álvarez Cortegoso, patroa da embarcación. Ano 2016.

Galería

Videos