A area do pan

“Collían a area de onde criaba o mar para, cando viña a chea, levar toda a cría para abaixo, para estendela polo mar abaixo. O pan noso […]. Ostra, mexilón, berberecho, ameixa babosa, ameixa dereita, de todo…” (C.R.F., Ponte Sampaio). Así lembra a draga do río Verdugo que tivo lugar en 1965 unha das mariscadoras afectadas por este espolio.

Cunha enorme draga instalada no río Verdugo extraía diariamente quilos e quilos de area do leito do río mentres unha cuadrilla de lanchas cargadas co “seu pan” entraban e saían do río, marcando o ritmo incesante do espolio. O destino da area roubada era abastecer as necesidades construtivas de Vigo. A cidade olívica vivía un crecemento urbano acelerado e desordenado. Erguíanse paredes de area salgada para dar acubillo á inmigración que chegaba á cidade desde diversas zonas rurais de Galicia, atraída polo seu desenvolvemento industrial. Para esta empresa de construción, o negocio resultaba moi rendible pois “os da lancha viñan aí coa maquinita e levábana [a area] e non gastaban nada na area, máis ca o traballo das lanchas. Todo era diñeiro” (M.T.C., Ponte Sampaio).

A outra cara da moeda desta historia de “progreso” amosaba o depauperamento da riqueza marisqueira da ría de Arcade e a sentenza ao empobrecemento dunha comunidade dependente dun recurso natural tan sentido “de todo o mundo” como delicado: o marisqueo.

Bares, restaurantes, vendedores intermediarios… todos se viron afectados mais, sen dúbida, as mulleres mariscadoras resultaron ser as principais prexudicadas; as de “Arcade, Ponte Sampaio, Paredes, Figueirido, Vilar, Canicouva, Acevedo, Rañadoiro… onde todos viviamos do mar”. (Carmen Rey Freijanes, Ponte Sampaio). Elas, as mulleres, emprenderon unha loita sen cuartel, sen mandos nin xerarquías, que se foi configurando, facendo máis grande e sólida segundo avanzaban os días da protesta até que, o 29 de outubro de 1965, tras semanas de batallas con pedras “declararon a guerra”.

“A xente cansouse, rebentou. Amais houbo persoas por atrás [Ulises e Eduardito, dedicados á revenda do marisco]… e veu xente non solo da Ponte nin de Arcade, senón que viña xente doutros sitios a sabiendas de aquí aí pasar algo. Estaba avisada a Guardia Civil e máis os militares” (E.C.O., Ponte Sampaio).

Ás catro da tarde toca a campá da igrexa que chama á protesta, pero non é o cura, non. O cura mira para outro lado e deixa que a veciñanza faga uso. Das casas comezan a saír nenas, vellas, avoas e nais que emprenden unha viaxe para a ponte de Ponte Sampaio mentres se van facendo coas pedras que atopan polo camiño e chaman a outras mulleres. Algunhas delas están embarazadas. Outras simulan estar grávidas con coxíns debaixo da roupa para evitar que os gardas civís mallen nelas e hainas que incluso levan os bebés en brazos. Cando chegan á ponte, diante delas, o corpo da Garda Civil de Ponte Sampaio, Pontevedra e Vigo que se presencia como representante dun sistema opresor que defende a quen espolia.

Carmen Rey Freijanes, unha das mulleres de maior idade que participa na protesta, decide pedir a bandeira do réxime á muller que levaba a Falanxe en Ponte Sampaio, Aurora Bernárdez Vidal. Volve para a ponte e prodúcese o feito que ninguén esquecerá e elevará o espírito combativo da xornada. “Cando chegabamos coa bandeira a xente maior como mirou aos guardias se empezaron a cuadrar diante da bandeira, a xente chorou. Era a emoción”. (M.T.C., Ponte Sampaio)

Os gardas civís increpan a Carmen:

– “Tire usté ahora mismo con la bandera”.
– “No tiro señor con la bandera, que usté cuando fue a jurar que quería ser guardia civil, juró antes esta bandera. Y si hace el favor la saluda y no le toque”.
– “Que tire con la bandera!”
– “Pódeme dicir 50 veces que a tire, que non a tiro e non lle toque que senón máncolle no lombo”. (C.R.F., Ponte Sampaio)

Un deles ameaza con disparar. Ela colle a bandeira, móvea como un toureiro, téndea no chan e dille que a pise. Coa tensión cae de xeonllos pero as demais toman o relevo, recollen a bandeira e pásana de man en man mentres corren pola beira do río e se dirixen cara ao monte. Os gardas perséguenas, nunha danza que dura varias horas, tamén entre pedradas sobre as lanchas. Contra a noite a Garda Civil desiste e abandona o lugar. Tamén marchan os homes das lanchas deixando alí as embarcacións. A draga, inactiva, fica na auga. As mulleres volven para as súas casas. Vitoriosas.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: A area do pan

Mulleres contra as dragas
De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Carmen "A Casqueira", Carmen "A Pescadilla", Marisol e Estrella, algunhas das mulleres e nenas que participaron na protesta contra a draga do río Verdugo.

Galería

Videos