De feira coa polbeira Fidel

O polbo ten na cidade de Pontevedra, entre outros, un referente recoñecido: a polbeira Fidel. Naturais de Ourense, a familia instalouse en Marín cando foi do tempo da guerra e desde alí comezaría a súa actividade na arte do cociñado e venda do polbo. O matrimonio e as súas tres fillas (Sira, Olga e Julita) puxeron en marcha un negocio do que aínda hoxe se garda memoria entre a veciñanza pontevedresa.

Poderíase pensar, dada a súa orixe ourensá, que xa había intención de se lanzar na aventura ao chegaren a Marín pero os seus comezos no sector foron totalmente fortuítos, unha venturosa casualidade que se inicia no bar que rexentaba Fidel na altura e que era frecuentado por un home de Silleda que traballaba, precisamente, co polbo. Foi falando con este señor como Fidel comezou a interesarse polo cefalópodo e a súa comercialización e decidiu probar sorte.

O polbo comprábano alí mesmo, no peirao, aos pescadores que chegaban cos barcos ao porto. Pagábano a tres pesetas e ao contado, axudándose dunha báscula romana que levaban para pesar a mercadoría. Co tempo, tiveron que buscar novos provedores, polo que se desprazaban a Bueu para conseguir a materia prima.

Unha vez o produto estaba na casa, procedía garantir a súa conservación. Para iso, e en ausencia de neveiras e conxeladores, o habitual era secar o polbo, o que permitía conservar os alimentos durante moitos meses. No caso do polbo, había que destripalo e lavalo moito, cousa que se facía normalmente á man e que requiría de bastante esforzo xa que o polbo ten moita baba e había que lavalo a conciencia, preferiblemente enriba dunha superficie rugosa para que rascase. Despois poñíase a secar segundo os días que fixese falla. Neste labor había que ter conta de secalo moi ben, dándolle voltas cada dúas horas para garantir un bo secado por ambos lados; en caso contrario, podrecería. Normalmente, secábase na horta da casa, onde tiñan unhas tendedeiras similares ás que se empregan para a roupa. Sira, Olga e Julita comezaron a traballar desde ben novas.

En 1958 instaláronse en Pontevedra, onde se estableceron e rexentaron un local de comidas. Pouco a pouco foron aprendendo o oficio. A nai era a que se encargaba da administración do bar e quen preparaba o polbo. Fidel poñía o nome e facía o negocio pero “ela era quen traballaba”, afirman as descendentes. De Fidel tamén é probable que se adquirise a destreza do bo facer no cociñado. Conta a súa familia que sabía facer augardente. Ao igual que o polbo, a augardente precisa do lume, da leña, do control lento da temperatura, dun tempo de ferver e outro de descansar, do calor constante pero non moi forte.

Paralelamente ao bar, a actividade da polbeira desenvolvíase nas feiras, ás que acudían todas, especialmente a romarías sinaladas como a dos Milagros, San Breixo ou San Simón. Normalmente era o propio Fidel quen as levaba no seu coche, con todos os instrumentos necesarios. Chegar ao campo da feira era complicado e había que trasladar os aparellos á man, e recollelos tamén, despois dos intensos días de traballo. Caldeiras, ganchos, aceiteiras pemento, pratos… como un restaurante móbil. Tampouco había auga e había que carrexala e levar a leña desde a casa, que normalmente era de pino.

Co lume acceso, botaban o tempo que durase a feira ou a romaría. O transcorrer dos días era de moito ritmo, moito ir e vir de xente. As caldeiras fervían sen parar e os pulsos movíanse rapidamente para preparar os pratos. Recomendaba Julita practicar a cortar unha corda para aprender a cortar o polbo. A corda non queima e axuda a coller a destreza. Porén, na feira non había simulación posible e ao final da xornada os dedos quedaban practicamente cocidos. A vida facíase no lugar da feira ou romaría. Alí comían, descansaban, falaban e durmían. Nos últimos anos cambiaran as feiras polas vodas e os restaurantes e chegaron a traballar con nomes da alta cociña como Pepe Solla, Simón ou Pepe Vieira.

Olga, Sira e Julita traballaron arreo durante toda a súa vida, desde que comezaron con 12 e 13 anos ata a súa xubilación. Chegaron incluso a ter un local “de copas”; vendían polbo e a partir dunha determinada hora cambiaban para atender esta clientela máis nocturna. Foron épocas de moito cansazo e moito traballo, no que tiveron que facer moitas renuncias persoais.

Á marxe de todo isto, sempre gardaron un pouco para unha afección que as acompañou desde pequenas, impulsada por seu pai: o fútbol, en concreto o Pontevedra, equipo do que son socias.

Autoría: MAOS Innovación Social, S. Coop. Galega

[Ver o texto en PDF: De feira coa polbeira Fidel]

Julita, da polbeira Fidel, de nena a preparar o polbo.
Julita, da polbeira Fidel, de nena a preparar o polbo.

Galería

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email