Muiñeiras

“O oficio de muiñeira aínda non era tan malo”, afirma Carmen.

Moer era a comezos de século unha actividade necesaria para a subsistencia das familias pois precisábase ter fariña para poder facer o pan e, por tanto, toda a veciñanza sabía facelo. Podíase moer en muíños de herdeiros ou en muíños privados. Os de herdeiros eran muíños compartidos por varias persoas ou familias que tiñan dereitos herdados sobre o seu uso. Estes muíños regulábanse mediante sistemas de repartición de horas que se distribuían entre o día e a noite. Entre tanto o muíño moía, había que ficar á espera de que acabase e non se podía deixar só para evitar que moese en van e se gastasen as pedras. Polo tanto, había que esperar a que o muíño acabase e pasar alí o tempo necesario. Moita da xuventude do lugar aproveitaba esta circunstancia para ir dar algún susto ou pechar por fóra a porta ou algunha outra trasnada.

No muíño privado era diferente. A este muíño normalmente íase cando as horas de moenda nos de herdeiros non eran suficientes para moer todo o cereal. Co saco na cabeza, da cabalo ou nunha burra, desprazábanse ata o muíño para deixar o gran ao cargo da muiñeira. Ela calculaba o tempo que lle podía levar e avisaba do día en que poderían vir recoller a fariña. Se por calquera motivo non daba moído para a data concertada, a muiñeira enviaba aviso por algún coñecido. Polo uso do muíño cobrábase a maquía. A maquía era como un caixón de madeira separado en dúas partes. Segundo fose o tamaño do saco cobrábase máis ou menos polo traballo, unha ou dúas pezas.

Moíase, sobre todo, millo e máis centeo, para fariña ou para facer picón para os animais. Tamén se lle podía encargar que separara a fariña que lle chamaban “do ollo”, aquela que queda apegada á base do muíño e que se empregou moito para facer papas para as crianzas máis pequenas por ser máis miúda que a outra.

A muiñeira traballaba día e noite para dar resposta á urxencia da fariña. De noite durmía atenta ao son que o muíño facía mentres traballa e, dependendo do como fora ese ruído, sabía con exactitude cando acabara o gran. Nese momento había que levantarse e ir parar o mecanismo, recoller a fariña para o saco e botar outro novo a moer. Ata que volvese acabar ese saco e houbese que volver levantarse. Este non era o único motivo que podía quitarlle o sono á muiñeira. No verán, a escaseza de caudal nos nosos ríos obrigábaa a ir de noite polo río arriba desviar algunha da auga que previamente tornaran para o regadío da hortas. Esta tarefa non estaba exenta de conflitos e podía haber encontros inesperados con algunha veciña ou veciño alerta para conservar a súa auga. Nalgunhas ocasións había que ir ao río catro ou cinco veces. No inverno, a situación era ao contrario e o exceso de auga podía romper o mecanismo ou a infraestrutura, así que había que ila tornar para que non viñese demasiada para a casa.

Para o mantemento do muíño había que realizar outras tarefas, que se repartían entre os da casa. Cada certo tempo había que picar as pedras que se ían gastando aos poucos e quedando lisas. No cubo tamén había que ter conta da viqueira. No verán, coa escaseza de auga, poñíaselle máis pequeniña para que aumentase a presión, mentres que de inverno poñíaselle máis grande para que fluíse mellor.

Coa chegada do muíño eléctrico fíxose cada vez menos necesario o mantemento dos muíños comunitarios xa que cada quen puido ter o seu na propia casa. Os privados mantivéronse, aínda que fose apenas para uso particular, pero polo xeral deixou de ser preciso o labor da muiñeira.

Autoría: MAOS Innovación Social

[Ver o texto en PDF: Muiñeiras]

Arredores de Pontevedra
Paisaxe rural dos arrabaldes de Pontevedra centrada nun rego cun pequeno muíño.