Augardenteiras

Á calor do lume, Julia Ruibal, natural da parroquia de Santa María de Xeve, aprendeu co seu marido o oficio de augardenteira.

Ela xa non viviu en propia persoa o de andar polos lugares. A Xeve, lembra, viña un augardenteiro de Monforte que se instalaba nunha casa en Gatomorto e alí facía a augardente para quen a quixese. Con xornadas enteiras de traballo, de moitas horas debido ao apuro e ao pouco tempo de estancia, era habitual que pasase noites sen apenas durmir a ter conta do lume e do pote. Isto ben o sabían as persoas que lle encargaban a augardente e era costume que fosen pasar co augardenteiro parte das horas en que traballaba para lle facer compañía e, de ser preciso, facilitarlle o paso polo sono. Na espera preparaban unhas mazás que se poñían sobre un prato dentro do pote para asar. Ao abrir o pote collían as mazás feitas coa augardente e despois botábanlle azucre e metíanas no viño branco. Estar estaban boas pero tamén eran perigosas, recoñece.

Cando Julio se instalou nun cuberto propiedade súa e pousou alí os potes, ela foi collendo as artes do oficio ata se converter nunha excelente augardenteira. Na súa casa manteñen a tradición da elaboración da augardente con leña. Para tal mester é preciso ter boas reservas de leña gorda pois así é máis doado manter a temperatura. Coa axuda do fogonero (unha vara de ferro para mover o lume) repártense as brasas para que quente por todo o pote. Ela recoñece que co butano sería máis doado porque é moito máis sinxelo manter a temperatura uniforme e porque se evita que a estancia se encha de fume pero tamén saben que este é o mellor sistema e así o recoñecen aquelas persoas que veñen de Viascón, de Carballedo, de Tenorio, de Bora… para lles encargar o licor.

A elaboración da augardente require de moita paciencia e de moito tino, á par de moito traballo. Son moitas horas de labor a ter conta dos pequenos detalles que fan a diferenza á hora de obter unha boa augardente. Acender o lume, limpar e pór o pote no lume, atender a temperatura, preparar unha cama de cepas e palla na base do pote para que non estea o bagazo en contacto directo co metal e co lume, encher o pote co bagazo, enganchar todas as partes e vixiar, todo o tempo. Poderíase pensar que mentres deite todo vai ben pero non todo o que deita é augardente, podería ser auga. Non sería a primeira vez, lembra, que alguén se aventura a facer o licor e como ve que o pote deita, déixao conseguindo que auga e augardente se mesturen e rebaixar así a calidade do produto. Para ela é relativamente doado distinguir cando é unha ou outra: “coa auga xa non che fai a doa ningunha e bota coma leite. Se é boa a augardente fai unhas burbullas no caldeiro… como sae… pero senón xa che empeza a deitar. E xa sentes cantar, como auga. A auga peta e a augardente non”.

Tamén se pode dar o caso de que o bagazo non sexa moi bo e conseguir un garrafón de augardente é cuestión de tempo, moito tempo: “tes que estar alí tantea, tantea e píngele, píngele, píngele para sacar aínda algo senón non sacas nin medio garrafón”.

Unha vez feito o licor apártase o pote do lume e descárgase o bagazo, á man, coa axuda dunha carreta para o levar ao lugar onde se acumula. Noutro tempo este mesmo bagazo empregouse como abono para as veigas pero agora apenas se lle dá uso. Vólvense limpar os potes e prepárase un novo para que ao chegar ao día seguinte, a iso das seis da mañá, estea todo pronto e só fique prender o lume.

Este artigo non sería posíbel sen o tempo e a dedicación que nos regalaron Julia Ruibal e Julio Ruibal.

Autoría: MAOS Innovación Social

[Ver o texto en PDF: Augardenteiras]

Julia Ruibal, augardenteira
Julia Ruibal, augardenteira de Santa María de Xeve. Autoría: Eva Caldas.