As mulleres contra a autoestrada do Atlántico

Salcedo viviu durante os anos 70 un dos episodios máis relevantes da súa historia, un episodio gardado aínda hoxe na memoria dos veciños e das veciñas protagonistas, e non protagonistas.

Quen coñeceu esta parroquia descríbea como tranquila, agradable, como un paraíso. Porén, a chegada da autoestrada do Atlántico transformouna drasticamente. O día 2 de marzo de 1972 apróbase no BOE o proxecto de obra para unha autoestrada de 235 quilómetros que uniría o norte e o sur do occidente galego. No ano seguinte, publícase o nome da empresa concesionaria: AUDASA – Autopistas del Atlántico Concesionaria Española S.A.

Este vai ser o punto de partida dunha revolta que se estende, ao igual que a autoestrada, do norte ao sur do país, da man dunha serie de persoas anónimas que, sen querelo, se converten en protagonistas dun dos actos reivindicativos de maior envergadura da nosa historia recente. Non sería, porén, o único. A pesar de que a concesión da autoestrada foi aprobada en 1973, a maior intensidade do conflito situouse entre 1976-1979, período marcado polo franquismo e polas reivindicacións políticas en conflitos semellantes, como o das Encrobas en 1977 ou o de Baldaio nese mesmo ano. Esta situación de conflitividade social non se manifesta só en Galiza e por todo o estado se dan mostras de descontento a un Plan Nacional de Autoestradas condicionado polos intereses de empresas privadas afíns ao réxime.

A pesar de todos os contras, o da Autoestrada do Atlántico foi un conflito cunha grande repercusión social, que centrou moita da atención pública durante máis dun lustro. Coa construción desta autoestrada visibilízanse ademais dous modelos diferentes de entender o país: o de quen defendía a autoestrada como unha oportunidade de desenvolvemento social e económico; e o de quen rexeita a concentración da poboación e da industria na faixa occidental e propón reforzar a rede viaria existente.

No medio estaban as persoas afectadas, aquelas ás que lles arrebataban as veigas das que vivían, ás que separaban das súas veciñas e veciños, ás que lles destruían os camiños, ás que deixaban sen traída de auga. Aproveitando a existencia da Lei de expropiación forzosa do franquismo, en cuestión de días desposuían a xente das súas propiedades por escasas indemnizacións e con constantes atrasos no pagamento.

Pero na rúa, no cara a cara entre traballadores da autoestrada, autoridades e veciñanza, o conflito dirímese no día a día. As accións emprendidas son diversas e con momentos de elevada tensión. O obxectivo é paralizar as obras, e para iso calquera método é válido: pórse diante da maquinaria, como fixo Maruja, a quen a levou por diante unha escavadora; ou Carme, quen embarazada de sete meses non se acovardaba á hora de facerlles fronte. A intensidade do conflito chegou a ser de tal magnitude que o 4 de maio de 1977 as veciñas e os veciños de Salcedo e de Vilaboa conseguen que se paralicen as obras.

E é o que o se estaba a decidir afectáballes directamente: expropiación de terras de cultivo mal pagadas; negativa á reposición de camiños e pasos destruídos polas obras; parcelamento das propiedades que deixaba inútiles as que eran das mellores terras de cultivo; destrución do sistema de abastecemento de augas; ou os danos causados polo uso de cargas explosivas. Foron moitos anos de loita para acabar convivindo coa autoestrada mais sabían desde o comezo que a autoestrada se ía facer. O importante, en todo caso, era evitar e combater as aldraxes de quen entendía que podía chegar a un lugar e apropiarse del, da súa vontade, do seu futuro.

A participación das mulleres no conflito

Carmen, María, Emilia, Otilia, Maruja, Josefa… son algúns dos nomes das moitas mulleres que participaron neste conflito. En pleno franquismo e sendo elas traballadoras en moitos casos, asumiron responsabilidades que tiveron que adaptar na súa rutina diaria. Porque a súa realidade persoal non mudaba dun día para outro.

Elas, abandeiradas dunha loita que representaba a de todos os veciños e veciñas, defenderon os seus dereitos, reivindicaron a súa posición armadas con paraugas, con paus ou con apeiros de labranza.

En contra de Goliat unírase un grupo de gran solidariedade compartida. E a sensación final, co paso dos anos, foi dupla: o orgullo de teren conseguido moitas das súas reivindicacións enfrontado á amargura de convivir cunha infraestrutura contra a que pelexaron.

Autoría: MAOS Innovación Social, S. Coop. Galega

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: As mulleres contra a Autoestrada do Atlántico

Nova sobre os boicots en Salcedo contra a Autoestrada do Atlántico
Nota en prensa sobre os boicots en Salcedo contra a Autoestrada do Atlántico en 1977.

Audios