Os abusos sexistas no franquismo

É a primeira imaxe que vén á cabeza cando se fala da represión franquista contra as mulleres: o cranio pelado. E o certo é que, aínda que tamén foi rapado algún home, elas foron as principais destinatarias dunhas vexacións que tiñan un claro carácter sexista. Tosquiábanlles o cabelo, tatuábanlles na fronte cruces ou as siglas UHP -acrónimo de Uníos Hermanos Proletarios-, dábanlles de beber aceite de rícino para “depuralas” e logo obrigábanas a pasear polas rúas, con aqueles sinais que, como ás reses, as marcaban por rojas. O obxecto era humillalas, indicar que nada tiñan que ver coa muller que auspiciaba o réxime franquista: Nai abnegada e submisa esposa.

Os castigos aplicáronse a aquelas pontevedresas que ousaron participar na vida política e sindical dunha República na que, por vez primeira, deixaran de ser tratadas coma menores de idade necesitadas de tutela masculina e foran consideradas cidadás de pleno dereito, con capacidade para decidiren por si mesmas a quen votar ou por que cousas se manifestar. Otilia Meis ou as irmás Fina e Tucha Dios pagaron co cabelo e tamén co cárcere a participación política naquel tempo esperanzador que non sabían tan efémero. Asunción Vilas, a Vidala, ou Emilia Carril, a Lamboira, ambas veciñas de Lourizán, o exercicio da acción sindical, que tamén provocou o encerro de Aurora no durísimo cárcere vasco de Saturrarán.

Mais tamén se empregaron castigos sexistas contra as nais, as fillas, as irmás, as compañeiras de homes perseguidos, sen outro motivo que este parentesco. Como Encarna Silva. Non se lle coñece outra implicación política que a súa relación co dirixente da agrupación socialista de Marín, Santiago Bazarra, mais foi rapada e obrigada a inxerir aceite de rícino. A memoria das mulleres rescatou do álbum familiar unha histórica foto de Encarna, tomada cando foi visitar o seu futuro home ao batallón de traballos forzados do que formaba parte, mentres construían a estrada entre Covelo e A Lama. Na imaxe vense os efectos da rapa sobre a fronte de Encarna e tamén como intentaba ocultalos suxeitando con pinzas sobre o seu cranio a trenza cortada polos fascistas. Hai varios relatos de memoria oral que recollen o mesmo: o aceno, moitas veces rebelde, de mulleres recolocando a trenza a modo de diadema ou baixo o pano, bailándolles nas costas, ata que tamén lla quitaban.

Algunhas como Carmen Echeverría foron rapadas no domicilio. A maioría no cuartel, soas ou en grupo. A Saladina e Pérsida Riveiro, a Argentina Villaverde ou a Celia Reboredo metéronas nun camión en Mourente e da viaxe ao cuartel volveron sen pelo.

Ás veces, o tosquiado facíase coas mesmas tesoiras de cortarlles a crina aos cabalos e as mulleres collían infeccións. Tampouco a tatuaxe era inocua. Facíana con nitratos de prata ou sustancias similares que queimaban a pel. Olivia Tomé, alcumada a Rangha, lembraba ter tratado a ferida con leite por recomendación do médico Celestino Poza Pastrana, preso en Pontevedra e San Simón pola súa ideoloxía republicana.

Ás veces deixábanlles unhas guedellas nas que lles colocaban lazos coa bandeira de España.

Eran múltiples os modos de humillación.

Un dos casos máis presente na memoria colectiva de Pontevedra foi o de Custodia Gama. O seu irmán Manuel, concelleiro da candidatura obreiro-agraria, detivérono logo do golpe de Estado, pero os menores, Alejandro e Tino, afiliados ao Partido Comunista, lograron agocharse e, a fin de que os delatara, os fascistas meteron a Custodia no cuartel e durante corenta días sometérona a malleiras e a vexacións, como obrigala a varrer as rúas máis céntricas da vila, completamente rapada e cun cartel nas costas e outro no peito que puña Comunista. Como non os delatou, pelaron e tatuaron tamén a Estrella Portela, a moza de Tino Gama que, para evitarlles máis sufrimento, se entregou e foi fusilado.

Tamén Estrella Pintos foi torturada no cuartel no intento de que o pai das súas fillas, Manuel Méndez, desvelara o paradoiro do seu irmán e outros fuxidos. Embarazada por terceira vez, Estrella abortou coas malleiras e o seu home foi paseado pola contorna cunha coroa de espiñas e logo asasinado. O seu corpo nunca apareceu.

A convivencia das mulleres cos vencedores foi tan terríbel que algunhas, como Lola Rey, perderon a cordura. Irmá do mestre Benigno Rey, fusilado o 12 de novembro, Lola estivo detida coa súa nai, Sofía Pavón, e o resto da descendencia desta. As vexacións marcárona para sempre, estivo ingresada en sanatorios mentais e mesmo intentou quitarse a vida arroxándose desde o balcón da súa vivenda dos Soportais. Sobreviviu pero, por causa do incidente, Otilia Meis, que era veciña súa e a viu caer, perdeu o bebé que esperaba.

Son só algúns nomes das mulleres que sufriron este terror. Hai moitas máis e algunhas perdéronse para sempre na néboa do esquecemento pois este tipo de crimes franquistas non aparecen nos papeis. Das rapas, das tatuaxes ou das violacións, que tamén padeceron algunhas mulleres de familias represaliadas, non hai máis rexistro que a memoria oral. De aí a importancia de recoller as lembranzas transmitidas, entre murmurios, de xeración en xeración.

Autora: Montse Fajardo

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: As vexacións sexistas

Encarna Silva con outras mulleres na visita aos presos do batallón de traballos forzados.

Audios