Veciñanza e familias dan os últimos retoques ao mural das mulleres, que se inaugura o vindeiro xoves

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Familiares de Amalia Álvarez, Carmen Durán, Ernestina Otero, María Victoria Moreno, Clara López e Mercedes Ruibal, e a propia Leonor González, Nené, déronse cita na confluencia de Joaquín Costa e Poza dos Canos, para participar no pintado da obra.

Veciñanza e familiares dalgunhas das mulleres incluídas no mural da confluencia entre Joaquín Costa e Poza dos Canos déronse cita no lugar ao mediodía de hoxe para participar, de xeito simbólico, no pintado da obra que realizan Polo Correo do Vento e Rei Zentolo por encargo da concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica do Concello de Pontevedra.

Xunto á xente do barrio, estiveron representantes das familias de Amalia Álvarez, Carmen Durán, Ernestina Otero, María Victoria Moreno, Clara López e Mercedes Ruibal, así como a propia Leonor González, Nené, que é outra das vinte e tres mulleres presentes no mural. Os nomes propios mestúranse coa homenaxe a colectivos anónimos como mariscadoras, traballadoras das fábricas, lavandeiras ou mulleres do agro. Todas aparecen no mapa da cidade que o debuxo utiliza como fondo, con espazos tan recoñecíbeis como A Moureira, os Soportais ou Pasarón.

Representantes de Polo Correo do Vento explicaron, no roteiro ofrecido este mediodía, que o deseño está estruturado en tres escenarios: o mar, o espazo urbano e o agro, e neles se van plasmando imaxes representativas das mulleres que os habitaron. Recalcaron que aínda que as diferentes protagonistas están recollidas, por cuestións estéticas, con diferentes tamaños, todas, tamén as anónimas, teñen a mesma importancia. Porén, recoñeceron o especial pulo dado ao ensino, coa presenza de Concepción Arenal, Daría González, Carmen del Valle ou os debuxos de grandes dimensións de Ernestina Otero, María Victoria Moreno e mesmo Amalia Álvarez, que tamén estudou Maxisterio. Nela conflúe outra das grandes teimas da obra: recuperar a memoria da represión franquista, con imaxes de moito simbolismo como o de Custodia Gama rapada ou Cinta Rey abrazada ao piñeiro da Caeira onde foi fusilado o seu fillo, o xornalista Vítor Casas.

Inaugúrase o xoves, 13 de xuño, ás 19.00 horas

A obra, que será inaugurada o vindeiro xoves, 13 de xuño, ás 19.00 horas, levará escritos os nomes das 23 mulleres que aparecen, así como unha relación de oficios desempeñados por moitas pontevedresas. No roteiro, que contou tamén coa presenza das concelleiras Carme Fouces e Pilar Comesaña, explicouse que, xunto á vertente estética, íase tamén na procura dunha finalidade didáctica: que a xente poida buscar entre os seus 35 metros de largo o debuxo que corresponde a cada nome e así, coñeza mellor a súa biografía.

PDF recollendo os nomes das mulleres representadas no mural cunha pequena descrición: Nomes propios no mural da Memoria das Mulleres de Pontevedra

 

Deixa unha resposta