Un roteiro guiado por Ana Acuña e Fina Casalderrey arroupará a inauguración do mural María Victoria Moreno

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Xa estamos na conta atrás para que o mural María Victoria Moreno sexa unha realidade na avenida Eduardo Pondal. Polo Correo do Vento apura os últimos trazos do debuxo -deseñado por Tania Solla- ao tempo que seguen adiante os traballos de limpeza e acondicionamento da parede e escaleiras lindantes.O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, convidou ao alumnado dos centros escolares da cidade a achegarse até a avenida Eduardo Pondal para ver o proceso de creación do mural. Mañá 23 de outubro, ás 11.30 horas estará o primeiro grupo, do IES Torrente Ballester.

O sábado 27 de outubro inaugurarase o mural que amosará a pegada da escritora, docente, activista da lingua -e pontevedresa por elección- homenaxeada nas Letras Galegas 2018. O acto estará arroupado co roteiro A Pontevedra de María Victoria Moreno que sairá ás 11.30 horas da ponte da avenida de Vigo, na que está unha placa conmemorativa da autora, veciña da rúa, xusto fronte ao mural.

A Pontevedra de María Victoria Moreno porá ademais o ramo ao ciclo Paseos pola Pontevedra Literaria que promove o Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación de escritores/as en lingua galega (AELG). Nesta ocasión a andaina estará guiada por Ana Acuña e Fina Casalderrey.

Quen si estará nesta cita será a filla da escritora, Begoña; o alcalde Miguel Fernández Lores, o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña e o presidente da RAG.

O mural e o roteiro son dúas das actividades programadas pola Concellería de Normalización Lingüística na recta final do Ano María Victoria Moreno. Porén hai máis. Hoxe 22 de outubro – data na que se cumpren 13 anos do pasamento da autora, púxose en circulación unha tirada (reducida) de selos de correo para coleccionistas conmemorativo do Ano María Victoria Moreno.

O Concello entregará un selo ás distintas administracións implicadas no Ano María Victoria Moreno, a institucións como a RAG, á familia da docente e escritora e aos centros sociais da cidade. Ademais as persoas interesadas en facerse cun selo conmemorativo poden solicitalo no 3º andar do Concello -un por persoa- previa presentación do DNI.

Por outra banda o Concello distribuirá 500 exemplares da biografía de María Victoria de Joanne Lorenzo, con ilustracións de Tania Solla polos centros de ensino e centros sociais e culturais da Boa Vila.

Deixa unha resposta