Neste momento estás a ver Temática do mes. Traballadoras en loita
Encerro das traballadoras da Pontesa na fábrica en protesta polos despedimentos e o non pagamento dos salarios. Novembro de 1993.

Temática do mes. Traballadoras en loita

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Durante este mes de outubro, desde o proxecto A Memoria das Mulleres queremos dar a coñecer o relato das mulleres que participaron en diferentes conflitos no Concello de Pontevedra. A historia destas mulleres é o relato da coraxe fronte ás inxustizas, da determinación de que a través da loita é como se conseguen as vitorias e os avances sociais, especialmente significativa de termos en conta que moitos destes conflitos se desenvolven en pleno franquismo.

Iniciamos este percorrido pola memoria de Pontevedra co artigo titulado “As mulleres nos conflitos sociais. Do século XIX a mediados do XX” no que se resume algúns dos principais conflitos ocorridos neste tempo. Neste artigo pódese consultar o pdf Muller e resistencia, documento que recolle información a través das novas de prensa de xornais históricos dispoñibles na hemeroteca Galiciana da Biblioteca Dixital de Galicia. Pequenas e grandes loitas protagonizadas por mulleres que se defenderon diante dos abusos dos fielatos e arbitrios de consumo; motíns de consumos, como o das leiteiras, cun artigo propio para os feitos acontecidos en 1892: “A protesta das leiteiras de Pontevedra de 1892”; as loitas contra o aumento dos impostos; ou os paros na industria. No sector primario destacan as loitas dos pescadores, nas que tamén participaron as mulleres, e as mostras de organización campesiña contra o sistema foral e o caciquismo no rural.

De centrarnos nun criterio cronolóxico, a modo de resumo, recóllese na web o artigo “Muller e conflito no concello de Pontevedra” no que se fai referencia ás diferentes formas de resistencia e protesta e no que, a través dunha liña do tempo, se ofrece unha visión cronolóxica dos conflitos máis relevantes, como os derivados da negativa de pagamento de taxas ás Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos, da expropiación do monte comunal no franquismo, da apropiación por parte das dragas do leito do río Verdugo en Pontesampaio, da autoestrada do Atlántico ao seu paso por Salcedo ou, nesta mesma parroquia, da ocupación do monte de San Martiño pola Brilat.

Todos estes conflitos trátanse máis polo miúdo nos artigos que compoñen esta temática das mulleres en loita. “As mulleres contra a Hermandad” describe a loita de moitas mulleres das parroquias pontevedresas que participaron na defensa do “seu” nas accións de resistencia elevadas por grupos labregos contra a obrigatoriedade de pagar a cota da Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos. Rompíase así o principio de voluntarismo na afiliación sindical, sumándose ao feito de que a “Hermandad” pontevedresa non prestaba os servizos prometidos, como eran sulfatos, sementes de patacas, arame de fío para as vides etc.

Os montes comunais. Un recurso cobizado” fai un percorrido pola expropiación do monte comunal en época franquista, cando sobre o monte e sobre a súa produción xorden intereses económicos privados que buscaron, coa colaboración da administración franquista, retirarlle a súa xestión aos veciños e ás veciñas, os seus propietarios lexítimos, negándolles seu o uso para destinalos a un programa extensivo de plantación de especies foráneas como o eucalipto ou o piñeiro, cuxas consecuencias son visibles aínda na actualidade. O documental de Llorenç Soler titulado O monte é nosso (1978) recolle o testemuño histórico de veciñas e veciños, entre os que se inclúen protagonistas da parroquia pontevedresa de Santa María de Xeve, e dá conta da magnitude do conflito e dos abusos cometidos.

Nos anos 60 tivo lugar outro conflito que mobilizou as mulleres da parroquia de Pontesampaio para defender un dos seus principais recursos: o marisqueo. Unha draga enorme instalada no río Verdugo extraía diariamente quilos de area do leito do río para destinala ás necesidades construtivas de Vigo, en pleno crecemento urbano. En consecuencia, a riqueza marisqueira da ría de Arcade vese gravemente afectada. As mulleres da parroquia emprenderon unha loita sen tregua para opoñerse a este espolio, poñéndose á cabeza dun conflito que rematou o 29 de outubro de 1965 coa súa vitoria orgullosa sobre a draga. O relato desta vitoria recóllese en dous artigos: “As mulleres da Unión contra a draga do Verdugo” e “A area do pan” elaborados en base ás declaracións e lembranzas dalgunhas das mulleres participantes nese día.

Xa nos anos 70, a parroquia de Salcedo foi escenario dun dos conflitos de maior envergadura, non só a nivel local do Concello de Pontevedra, senón que mobilizou toda a faixa occidental do país, do norte ao sur, contra a construción dunha autoestrada que para uns significaba progreso pero que para outros supuña a destrución dun modo de vida e a división en dous do territorio galego. “Autoestrada do Atlántico: As mulleres contra a autoestrada do Atlántico” recolle o testemuño de varias mulleres que participaron activamente nas loitas contra a construción da autoestrada e que acadaron por momentos unha elevada intensidade, como no período que vai dos anos 76 ao 79. De feito, o 4 de maio de 1977 conseguiron paralizar as obras. E é o que o se estaba a decidir afectáballes directamente: expropiación de terras de cultivo mal pagadas; negativa á reposición de camiños e pasos destruídos polas obras; parcelamento das propiedades que deixaba inútiles as que eran das mellores terras de cultivo; destrución do sistema de abastecemento de augas; ou os danos causados polo uso de cargas explosivas.

Pontesa. Luces e sombras” fai un percorrido pola historia da fábrica de louza da Pontesa, en Pontesampaio, exemplo de modernidade na altura. Tras a morte de Franco en 1975, e coincidindo coa caída da ditadura, A Pontesa iniciou un longo proceso de declive que rematou co seu peche en 2001, entre débedas e protestas obreiras como peches na fábrica, folgas de fame, cortes de tráfico ou acampadas de protesta na Xunta, entre outras accións. Con todo, a empresa pechou e as traballadoras quedaron na rúa a unha idade que as deixaba practicamente fóra do mercado laboral. Pero a especulación financeira e inmobiliaria volveu bater nas súas vidas cando xa en 2002, para cobrar o diñeiro que se lles debía, venderon os terreos das fábricas que o grupo tiña en Cabral e Coruxo (Vigo) á empresa Inversiones Subel. Pasados 15 anos aínda non conseguiron cobrar o importe total da venda e 208 persoas, a gran maioría mulleres, seguen a reclamarlle ao comprador que pague case 2,5 millóns de euros que manteñen aberta a loita, as protestas e caceroladas na Coruña, en Vigo… a defensa da dignidade obreira.

Máis recentemente, recollemos a historia de “As mulleres de Salcedo contra a invasión do exército”, testemuño das veciñas de Salcedo sobre o conflito da instalación do exército no monte de San Martiño. Pero a apropiación por parte dos militares do monte comunal de Salcedo é anterior á presenza da base militar da Brilat e xa durante a época do franquismo se instalara nesta zona un cárcere destinado aos prisioneiros da guerra. No entanto, coa chegada da Brilat o conflito foi gañando en intensidade ao negarlle o acceso á veciñanza ao seu monte comunal, que restrinxiran como de uso exclusivo para o exército. As ameazas, e mesmo agresións, pasaron a ser frecuentes. A situación agravouse cando no ano 2008 o Ministerio de Defensa emite unha orde que declara a existencia dunha franxa de seguridade que inclúe vivendas particulares como integradas no perímetro de custodia do exército.

Mulleres en loita constrúese en base aos relatos de mulleres que participaron activamente en diferentes conflitos, neste caso localizados no Concello de Pontevedra, e cos que se quere contribuír a romper aqueles estereotipos de xénero que relegan a muller ao espazo privado da casa. A través das súas propias declaracións comprobamos cando de certo hai nestas versións interesadas de cal debe ser o noso papel na sociedade.

Deixa unha resposta