Neste momento estás a ver Temática do mes: Traballadoras do ámbito urbano
Dolores Trabado. Fotografía de Camilo Gómez. Fonte: Diario de Pontevedra.

Temática do mes: Traballadoras do ámbito urbano

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Na páxina web dogrisaovioleta.gal recóllense, na subsección das Traballadoras do ámbito urbano, as biografías de varias mulleres que exerceron a súa actividade profesional na cidade. Trátase de mulleres pioneiras que co seu labor conseguiron facer un pouco seu o espazo público e contribuíron a desmontar os prexuízos que as limitaban ao espazo doméstico.

Os relatos recollidos están cheos de esforzo e superación e a través deles búscase divulgar unha realidade pretensiosamente ignorada que axude a complementar a visión parcial da nosa historia até agora difundida. Entre este relatos recollidos destacan casos como o de Carmen Durán Constenla, quen ao quedar viúva con 38 anos e con 4 fillos que criar, asume a dirección da empresa que era propiedade do seu marido, Autocares Cándido. Muller pioneira no mundo do transporte, traballou arreo nunha compañía que baixo a súa dirección pasa a recibir o nome de Autocares Vda. de Cándido. Para alén dos autocares, o seu espírito emprendedor de Carmen anímaa a instalar tamén unha froitaría na parte dianteira do garaxe, onde vendía os produtos que mercaba nas aldeas.

A paixón pola condución de Carmen foi compartida con Dolores Trabado, a única muller que desde 1923 tiña permiso de conducir entre un total de 1.417 persoas en toda a provincia. Dolores conducía un taxi e a ela acudían particulares para desprazarse tanto pola cidade, como pola provincia ou mesmo fóra dela. Pero ademais de atender as demandas da veciñanza, Dolores era tamén condutora para a Cruz Vermella entre tanto non dispuxo de ambulancia, feito polo que chegou a ser coñecida como “a taxista da Cruz Vermella”.

O comercio é outro dos sectores de maior impacto económico e laboral na cidade. Os pequenos negocios particulares contribuíron ao desenvolvemento urbano e a que moitas familias puidesen vivir. Un caso moi coñecido en Pontevedra é o de Clara López Santiago, propietaria de Almacenes Clarita, na praza da Ferraría. Inaugurado o local no ano 1916, Clara López comezou a traballar no sector xa un tempo antes con súa nai, vendendo mandís e teas na antiga feira que se celebraba na mesma praza onde despois se situaría o seu propio comercio. Ou tamén o de María Luísa Olañeta Barros, coñecida na cidade como María a do Carrillo, quen dedicou sesenta e tres anos da súa vida a vender lamberetadas ás crianzas pontevedresas. Primeiro cun carriño e despois, a partir dos anos 80, instalada no quiosco da Ferraría, lugar que sentía como o seu fogar.

A vida na cidade está chea de pequenas grandes historias que discorren de forma paralela nunha liña temporal de múltiples fragmentos. Son moitos os oficios nela integrados e, de entre todos, non podemos deixar de facer referencia ao de mestra, e con el a unha das mulleres que, a pesar de que naceu en Redondela en 1890, desenvolveu parte da súa carreira na nosa cidade. Falamos de Ernestina Otero Sestelo, cuxa vida se divide entre os numerosos logros profesionais alcanzados durante a II República e o seu compromiso coa renovación do modelo educativo e cos dereitos da muller, e as persecucións e represalias sufridas durante o franquismo por causa da defensa destas ideas. En xuño de 1937 asasinan o seu home e ela é separada da súa cátedra, polo que regresa á súa Redondela natal, onde vive de dar pasantías. As represalias non cesan mais, a pesar das dificultades, Ernestina respondeu ofrecendo a súa solidariedade e axuda aos presos políticos e ás súas familias.

Neste noso percorrido pola memoria destas mulleres pioneiras, sempre é conveniente reservar un pouco de tempo para o lecer. E aí encontramos tamén a presenza constante e amigable de Dolores Calviño, a Señora Lola, quen consagrou corenta anos de traballo ao Club de Fútbol do Pontevedra, dando apoio nas derrotas e festexando nas vitorias, especialmente significativa a que supuxo o ascenso do Pontevedra en 1984.

E nunha boa festa non pode faltar unha boa orquestra, como aquela na que cantaba María Jesús Romero Brañas, a primeira vocalista de orquestra a finais da década dos 50, cando subir ao palco das verbenas era cousa de homes. Aínda moza no tempo de andar nas verbenas, convenceu súa nai grazas a un bo salario e ao firme compromiso de vestir sempre de forma elegante.

Deixa unha resposta