Temática do mes: Traballadoras da terra
Sega nunha veiga, no lugar dos Fontáns, circa 1952.

Temática do mes: Traballadoras da terra

Abordar o papel das mulleres que traballaron ligadas á terra en Galiza, e en Pontevedra en particular, é un labor de gran magnitude que resulta complicado de resumir nestas breves liñas, e mesmo na epígrafe dunha web. O traballo destas Traballadoras da terra forma parte da nosa historia colectiva pero tamén do noso presente xa que co seu esforzo e tesón nos trouxeron até onde hoxe estamos.

Na web dogrisaovioleta.gal están representadas só unha pequena parte de todas esas mulleres traballadoras, dos seus oficios, das súas loitas, das súas esperanzas.

Historias con nome propio como as das veciñas de Santa María de Xeve, cuxas biografías se recollen a partir de pequenos vídeos onde nos falan en primeira persoa dos seus saberes e experiencias persoais ou dos das mulleres máis achegadas. Como a historia de Rosa Tilve Varela, quen con 11 anos xa abandonaba o seu primeiro emprego no Pazo de Gondar para seguir a pelexar coa vida; ou a de Segunda Torres García, quen fixo da súa forza a súa valía e traballou, entre outras moitas cousas, na construción á man dunha estrada próxima que cruzaba o monte; a de Carmen Tilve Giance quen, orfa de nai desde pequena, asumiu para si os labores propios dunha adulta; a de Milagros Crespo Boga, que fixo da costura a súa paixón e o seu sustento; a de Matilde García Ruibal, xornaleira e traballadora da canteira da Esculca, en Salcedo, desfacendo cascallo; a de Cesárea Iglesias Blanco, que percorría camiños en compañía do seu cabalo Pedro para repartir o pan nas parroquias próximas; a de Eliodora Iglesias Blanco, que participou na construción de estradas e de cortalumes no monte e que combinaba esta actividade coa plantación de pinos e eucaliptos na época en que os montes foron usurpados á veciñanza pola administración; ou a de Dolores Gómez Abilleira, que emigra sendo casada sen permiso algún nun momento en que é norma ter consentimento do pai ou marido e á súa volta se converte en prestamista.

Non son os únicos nomes propios que recolle a web. A elas súmanse outros, aínda que sen o documento audiovisual que acompaña as biografías anteriores, como o de Rosa Malvar Sanmartín, Rosa de Mirón, muller que albergou os ancestrais saberes da medicina popular e era coñecedora das oracións e ditos que curan e dos que nada sabe a medicina oficial; a de Cándida Agulla Garrido, costureira polas casas e muller firme e valente a quen o franquismo quixo calar pero conseguiu salvarse da rapa grazas á intervención dunha influínte clienta; ou a de Regina Filgueira Monteagudo, Regina do Batán, a muller da pandeireta na man que facía da música a súa rebeldía e que sobreviviu á miseria grazas ao estraperlo.

Estes nomes propios compleméntanse cos relatos dos oficios dalgunhas mulleres que quixeron compartir os saberes da súa vida profesional. Mulleres Costureiras, oficio transformado ao longo dos anos, desde aquelas mozas que ían coa máquina de coser á cabeza, de casa en casa, para facer os remendos que prolongan a vida dos téxtiles do fogar, ás academias cheas de mozas ilusionadas coa idea de non dedicar todos os seus esforzos aos duros traballos do campo. Tamén o das Muiñeiras, que poñían a funcionar a calmada e constante roda do muíño da súa casa para quen o precisase; o das Leiteiras, que deixaron gravados os camiños de ida e volta nas longas viaxes a pé, verán e inverno, cargadas á ida cos bidóns do leite e á volta coas encargas, principalmente de peixe; ou o das Augardenteiras, quen ao calor do lume manso viron destilar os licores acompañadas nas noites de inverno da conversa amigable das súas veciñas e veciños.

E con elas, os conflitos en que defenderon os seus dereitos e pelexaron contra os abusos. Como, por exemplo, a loita das Mulleres contra a Autoestrada do Atlántico, para esixir o pagamento xusto das terras expropiadas e en contra da impunidade coa se pretendía construír esta vía; ou As mulleres en contra a “Hermandad”, un conflito que a mediados do século XX puxo en pé o campesiñado galego contra a obrigatoriedade de pagar a cota da “Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos”, organización que representaba o sindicalismo vertical franquista no agro; na defensa de Os montes comunais, un recurso cobizado, que mediante decreto rouba ás veciñas e veciños das parroquias os montes que tradicionalmente eran de xestión comunitaria; ou doutros xa de finais do século XIX, O verán do leite e o peixe, a protesta das leiteiras de Pontevedra de 1892, cando o concello de Pontevedra na altura decide gravar o leite como un “consumo” e aumentar o arbitrio do peixe. Destes conflitos máis antigos queda constancia tamén no tema desenvolvido baixo o título As mulleres nos conflitos sociais. Do século XIX a mediados do XX, unha investigación máis extensa na que se aborda a participación activa das mulleres nos conflitos máis relevantes da época.

E través de todas estas historias, seguimos a trazar esa liña oculta no gris para transformala en violeta.

Comparte!

Deixa unha resposta