Neste momento estás a ver Temática do mes: Fotografía e literatura
Herminia Fariña Cobián, no xornal Viga Gallega, en 1923.

Temática do mes: Fotografía e literatura

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Durante este mes de setembro, a Temática do mes está dirixida a dar a coñecer as biografías de mulleres que coa súa obra contribuíron a enriquecer as artes da literatura e da fotografía. Fotógrafas e escritoras cuxos méritos son escasamente recoñecidos, agás contadas excepcións, polas fontes oficiais da nosa historia cultural.

No ámbito da fotografía, a pesar da constancia da abundante presenza de mulleres, o seu labor quedaba moitas veces oculto na proxección dun taller familiar ou rexentado polo marido, o que dificulta enormemente encontrar datos sobre a vida e obra destas fotógrafas. Na web dogrisaovioleta.gal recóllese a historia dalgunhas destas mulleres que fixeron do seu oficio a súa vida e que pelexaron para defender a súa profesión nun contexto remiso á súa independencia. Como é o caso de María Antonia Rodríguez Varelo, quen no século XIX exerceu como fotógrafa durante un tempo en Pontevedra. Un caso á parte é o de Cándida Filomena Otero Fontán (1846-1915), fotógrafa recoñecida que recibiu varios premios na súa extensa carreira. Casada co tamén fotógrafo Filippo Prósperi, traballou con el no seu estudo da cidade de Vigo: Fotografía italiana F. Prósperi y Señora. En 1888 abren un novo estudo en Pontevedra pero o negocio traspásase aos dous meses por motivos descoñecidos. Despois de morrer o marido, Cándida continúa co estudo de Vigo durante 8 anos máis, co nome de Viúda de Próperi até que en 1901 se asocia co fotógrafo portugués Jaime de Sousa Guedes Pacheco e o negocio pasa a chamarse Pacheco y Viúda de Prósperi. Cándida colaborou en revistas como Villa Gallega e La Ilustración Gallega y Asturiana. Outras, como Pilar Pintos Poncet, cultivaron varias artes sen deixar de destacar en ningunha delas. A verdadeira paixón de Pilar era a música, en concreto o piano, para a que se formou e recibiu varios recoñecementos. No entanto, á morte de seu pai propúxose continuar o seu legado e mantivo o estudo de fotografía que tiña na rúa Michelena. Con carné de fotógrafa profesional, dedicouse a facer fotografía de estudo, revelados, ampliacións…

Na Literatura son moitas as mulleres que xa desde o século XIX asumen o cambio do seu rol sometido e invaden o espazo público coa súa emerxencia e presenza en contextos monopolizados polos homes, enfrontándose ás dificultades. A día de hoxe, se ben a creación literaria das mulleres é moi ampla e variada, os recoñecementos continúan a ser escasos e moi centrados nas figuras masculinas, como se delata nun dos recoñecementos máis destacados na nosa literatura, o Día das Letras Galegas que, nas 56 edicións celebradas até o de agora, só catro delas tiveron mulleres protagonistas.

A máis recente delas é a pontevedresa de adopción e de corazón María Victoria Moreno, homenaxeada en 2018. Neste mesmo ano o Concello de Pontevedra promove a través do programa A Memoria das Mulleres, da Concellaría de Patrimonio Histórico e Memoria Histórica, a denominación dunha rúa co nome da mestra do Instituto Feminino de Pontevedra e a publicación do libro homenaxe O Escalón de Ulises, da autoría de colaboradora do programa Montse Fajardo, que se pode descargar desde a sección de Publicacións da nosa páxina web. Tamén despuntou no mundo das letras desde moza Herminia Fariña Cobián, considerada precursora do teatro galego, xunto a Carmen Prieto Rouco. Con todo, a súa estrea foi no xénero poético, con só 15 anos, cando a poeta participa con versos en galego nun recital no Círculo de Artesáns da Coruña. Como dramaturga, a súa primeira obra, titulada Margarida a Malfadada, foi representada en Pontevedra en 1927. Na Boa Vila tamén se puido ver a posta en escena de O soldado froita. Ademais da poesía e o teatro, Hermina Fariña colaborou con diferentes revistas e xornais, sendo asidua en varios deles, como Vida Gallega, Lar, Céltiga, La Razón ou Mundo de Montevideo.

Tamén son de destacar as autoras que se dedicaron á publicación de materiais de tipo científico, como Josefa Iglesias Vilarelle, quen publica en1932 o seu Método de lectura, primeiro texto didáctico en galego para o ensino da lectura e a escrita en galego. Desde unha perspectiva católica e conservadora, Josefa comprometeuse firmemente en prol da galeguización da escola e tamén fóra dela, pois foi unha das doce mulleres que participou do Seminario de Estudos Galegos, nunha época en que a presenza de mulleres na USC é moi escasa. Ou como Isolina Muíños Búa, quen en 1914 publicou en Pontevedra o Atlas de Geografía General y Regional para ejercicios prácticos en las Escuelas Normales, con 11 láminas nas que figuraba o contorno dos mapas para que despois fosen completados polo alumnado. O seu labor en prol do ensino foi unha constante ao longo de toda a súa vida e en 1920 tiña en preparación outras obras: Concepto del profesorado por concurso y por oposición e Opinión sobre el tratamiento del adulto y del niño. Outro exemplo é o de Sarah Escarpizo-Lorenzana Couto, estudante precoz que, segundo recolle El Eco de Galicia, con só 13 anos era mestra de instrución primaria superior, carreira que estudara en doce meses por ensinanza libre con cualificacións de sobresaliente. Aos 16 anos fundou e dirixiu en Pontevedra o Colexio da Purísima Concepción e a revista científico-literaria dedicada á muller El Ángel del Hogar. Premiada en varios certames literarios e xogos florais, colaborou en varias publicacións de Europa e América.

E en moitos casos tamén se combinan diferentes artes e intereses, como no caso de Mercedes Ruibal, quen ademais da pintura, é de destacar a súa faceta literaria coa publicación de dous libros: Confesiones de una volantinera con bragas de repuesto al dorso (1978) e o poemario Y mi voz es tu nombre (1986). Ou o de María Vinyals e Ferrer, coñecida como a Marquesa Vermella polas súas ideas progresistas e compromiso social e político. Firme defensora dos dereitos das mulleres, foi unha muller de grande cultura, que dominaba varias linguas. Amiga persoal de Emilia Pardo Bazán, colaborou en diferentes publicacións de carácter cultural e feminista.

Deixa unha resposta