Neste momento estás a ver Temática do mes: Benefactoras e pioneiras
Vasquida García. Amando Suárez Couto, Sen Título, Ca. 1920-1926 Museo de Pontevedra.

Temática do mes: Benefactoras e pioneiras

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

A través da biografía das Creadoras e Pioneiras, a web dogrisaovioleta.gal proponse difundir a voz e traxectoria de mulleres singulares, que conseguiron traspasar con afouteza os muros do ámbito doméstico e non dubidaron en incorporarse a espazos públicos reservados tradicionalmente ao mundo masculino. As súas vidas falan, sobre todo, de soños e de confianza, de espazos de conquista gañados polas mulleres grazas ao seu esforzo, constancia e intelixencia. Dar a coñecer a súa historia é botar luz sobre o esquecemento ao que se viron sometidas desde sempre.

Como ocorre coas mulleres benefactoras de Pontevedra que, donas de fortunas e filántropas, contribúen á consecución de importantes fins de carácter social, como é o caso de Dona Maior, quen no século XIV doou os baños que rexentaba ás monxas de Santa Clara; de Teresa Pérez Fiota, quen en 1439 deixou no testamento unha cantidade dedicada á fundación do Hospital Corpus Christi, con catorce camas para atender doentes sen recursos; ou Ana Álvarez de Montaos, creadora en 1593 dunha segunda cátedra de gramática gratuíta.

Outras moitas sobresaíron en oficios e profesións nas que destacaron pola súa valía e dedicación, como é o caso das mestras e profesionais ligadas ao ámbito da educación, loitando por mellorar as condicións das crianzas que podían asistir á escola. Neste campo aparecen nomes propios como o de Felisa Rosa Saz y Álvarez, autora dos Apuntes de economía doméstica para uso de las escuelas normales; Daría González García, ensinante comprometida coa súa vila e con Galiza; María del Carmen García Cabezas a quen o feito de ser cega non lle impediu converterse en mestra e ser nomeada como delegada da Federación Nacional de persoas cegas pola provincia de Pontevedra; ou de María del Carmen del Valle del Río, mestra particular en San Vicente de Cerponzóns que non lle cobraba ás crianzas sen recursos.

Todas elas, ademais de demostrar a súa valía, loitaron contra os estereotipos e prexuízos dunha época que non as consideraba habilitadas para desenvolveren outros traballos que non fosen os reservados ao ámbito privado, aos labores da casa. E, no entanto, aí están tamén mulleres como Isabel Barreto, xenerala e almiranta do século XVI que foi famosa pola súa presenza nas expedicións polas costas do Pacífico; a masona Amalia Armesto de Aldao, nai de Víctor Said Armesto e que pertenceu á loxa madrileña Comuneros de Castilla; Pilar Bértola, emigrada en 1920 a Barcelona coa familia e cuxas dotes artísticas foron recoñecidas e celebradas o 24 de xullo de 1934 pola Casa de Galicia en Cataluña; Antonia Vila, impresora de profesión no negocio familiar, un sector que contou sempre con abundante presenza feminina, aínda que en moitos casos o seu traballo fose anónimo ou ben estivese agochado nun xenérico Viúvas de no caso de seren empresarias; Raquel Lesteiro licenciada en Filosofía e Letras que colaborou na sección de Estudos Hispanoamericanos do Centro de Estudos Históricos e chegou a converterse en directora do Arquivo Provincial de Pontevedra; María Alicia Crespí González triunfou no ámbito das ciencias converténdose en 1975 na primeira muller catedrática dunha Escola Técnica Superior. Especializada no acondicionamento de museos, entre outras entidades traballou como asesora do Museo do Prado e durante as obras de rehabilitación do Louvre; Vasquida García, coñecedora das propiedades curadoras das herbas medicinais e que foi detida e acusada de practicar a maxia e a bruxaría na caza de bruxas organizada pola Inquisición; as irmás Mendoza, Concha e María, referentes da vida cultural e social da primeira metade do século XX coas tertulias e concertos organizados no seu palacete; ou Elisa Patiño Meléndez, pioneira no mundo da aviación.

Este amplo percorrido temporal complétase coa experiencia de tres mulleres do noso tempo que nos relatan en primeira persoa a súa traxectoria e que podemos consultar tanto a través do texto das súas biografías como dos vídeos que as acompañan. Son Pilar Allegue, muller comprometida ideoloxicamente e militante do nacionalismo galego desde a xuventude; Leonor González, Nené, referente da loita contra ENCE en Pontevedra como representante durante anos da Asociación pola Defensa da Ría; e Engracia Vidal, promotora da Revista Encrucillada que contribuíu, entre outras cousas, a normalizar o uso do galego no ámbito da igrexa.

Deixa unha resposta