Neste momento estás a ver Rúas con memoria, unha nova proposta do programa A Memoria das Mulleres
Programa Rúas con memoria

Rúas con memoria, unha nova proposta do programa A Memoria das Mulleres

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O domingo 31 de marzo ás 19.00 horas convidámosvos a unha nova actividade do programa A Memoria das Mulleres denominada Rúas con Memoria, un novidoso roteiro teatralizado que ten como obxectivo dar a coñecer a represión sufrida polas pontevedresas tras o golpe de Estado do 36. O punto de partida será a Deputación de Pontevedra e está recomendado para maiores de 12 anos.

Para participar é necesario facer preinscrición previa no enderezo de correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu

A través de catro pezas teatrais que se porán en escena nas rúas da cidade nas que ocorreron os feitos que se relatan, o roteiro busca levar a memoria ás rúas e tamén contextualizala, representala nos escenarios nos que ocorreu, para concienciar de que foi a nosa veciñanza, as xeracións que precederon ás familias coas que convivimos, a que sufriu o terror deste tempo que, porque nunca debeu ser, non podemos esquecer. O roteiro percorrerá as principais formas que adoptou a represión franquista sobre as mulleres: falará das asinadas, das presas, das que sufriron castigos sexistas e, sobre todo, falará das que quedaron, das mulleres que se viron obrigadas a seguir adiante convivindo cos represores, cos seus abusos, cos seus espolios e coa súa historia tinxida de odio, e a pesar diso resistiron, sacaron adiante as súas familias e teceron importantes redes de solidariedade.

Rúas con memoria forma parte do programa A memoria das mulleres e é un proxecto colectivo liderado pola Concellería de Patrimonio Histórico no que colaboran a Aula Municipal de Teatro, o Aula de Teatro CIM-Pontevedra, Os Algures, Avelaíña Teatro, Mulleres Solimán e a Aula Teatral do IES Sánchez Cantón. Está dirixido por Anxo Lourido e guionizado por Montse Fajardo.

Deixa unha resposta