Roteiro da memoria das mulleres con Chus Escudeiro

A concellaría de patrimonio histórico organiza neste mes de novembro diversas actividades de divulgación arredor da historia das mulleres de Pontevedra. A primeira cita foi este sábado 17 de novembro, na que a profesora María Xesús López Escudeiro conduciu unha visita guiada pola cidade para dar a coñecer o protagonismo das mulleres na historia de Pontevedra. O percorrido comezou ás 11 horas na praza da Ferraría e permitiu coñecer os espazos nos que viviron, traballaron, loitaron e soñaron mulleres con nomes e apelidos e outras moitas anónimas.

O roteiro fai un percurso pola historia e a memoria das mulleres, desde a Idade Media ate o século XX: mulleres da nobreza que foron benefactoras como Teresa Pérez Fiota (século XV), bruxas como Vasquida García (século XVI), navegantes como Isabel Barreto Amalia Armesto son protagonistas da viaxe pola historia.

As mulleres das parroquias que viñan vender á cidade, as costureiras ou as leiteiras, as operarias das fábricas, as traballadoras do mar e da conserva teñen o seu espazo neste roteiro que pretende poñer en valor a contribución das clases populares que foron secularmente marxinadas e sienciadas.
No percorrido tamén de fixo referencia a mulleres do comercio como Clara López, fundadora de Almacenes Clarita, ou María Luísa Olañeta, María a do Carrillo.

As pioneiras teñen unha presenza notábel na visita: a aviadora Chichana Patiño, a fotógrafa Cándida Otero ou a taxista Dolores Trabado.
Por último, ocuparon un lugar central as creadoras como Carmen Babiano, Aurora Argibay, Mercedes e Alicia Bará ou María Victoria Moreno; as ensinantes como Ernestina Otero ou Daría González; as deportistas, as impresoras ou mulleres do pensamento e o compromiso feminista como Concepción Arenal ou María Vinyals.

Comparte!

Deixa unha resposta